Presentación de “Antoloxía poética”, de Delgado Gurriarán, en Vilamartín de Valdeorras

Categoría: Nova

O domingo 27 de marzo, celebrarase, ás 12:30 h, no Centro Social Santa Lucía de Vilamartín de Valdeorras, a presentación da Antoloxía poética, de Florencio Delgado Gurriarán.
No acto, participarán Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Vilamartín, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, Aurelio B. Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Antoloxía poética, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro, de Florencio Delgado Gurriarán, pon o ramo final á publicación editorial da Editorial Galaxia, arredor do homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Este libro xorde pola necesidade de dar a coñecer un feixe de poemas, quizais os menos coñecidos, e non por iso menos importantes, do poeta de Córgomo. Pretende ofrecer unha mostra do máis significativo da súa obra, ordenada cronoloxicamente a partir dos seus libros e dalgunhas composicións dispersas, desde os cánticos iniciais do seu universo valdeorrés ata a poesía comprometida, satírica e de loita, fiel co seu pensar, que realizou desde o exilio.
Esta escolma está dirixida a quen se confesen curiosos da obra de Delgado Gurriarán, poeta de Valdeorras, percorrendo temáticas e correntes polas que transitou, coa pretensión de que sexa útil para o coñecemento do autor.
Este ano, Galicia réndelle homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán dedicándolle o Día das Letras Galegas 2022. Galaxia, contribúe nesta causa incluíndo, nas súas novidades editoriais, os seus tres poemarios: Bebedeira, Galicia infinda e O soño do Guieiro. Ao mesmo tempo que os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999 e agora recuperado por Galaxia.
Estas obras, completan a aproximación á vida e obra do poeta, xunto con Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez.
Unha obra con pictogramas para achegar a todas e todos o labor cultural do homenaxeado nas Letras Galegas 2022.

Comparte nas túas redes sociais ou por email