A lista da compra, de María Besteiros, e O corpo transparente das horas, de Abraham Pérez, son os dous títulos que chegan, xunto coa primavera, á colección Dombate de Editorial Galaxia.
Cuestións como a maternidade dos fillos vivos e da filla morta, a incomunicación, a vida illada nun rural organizado desde os despachos… son algunhas das cuestións que reflexa Besteiros no seu poemario, A lista da compra. Un perpetou cuestionamento da identidade, á raíz da demanda continua dun corpo que deixou de pertencer á súa persoa. Un eu delimitado polos outros.
Onde quedan as mulleres despois de ser nais? A poeta, cuxos interereses están centrados na escrita de mulleres analizada dende a perspectiva feminista, reflexiona sobre moitas ideas que a sociedade agocha, romantizando o feito de ser nais.
Pola súa banda, seguindo a liña aberta en Fragmento/Creba, Abraham Pérez analiza en O corpo transparente das horas, o proceso da investigación artística. A preocupación ontolóxica segue a ser o elemento xenético que articula a voz poética, mais nesta obra móstrase un xiro na composición do texto, procurando unha resignificación conceptual á vez que lírica, onde o estatismo implícito na enunciación e as imaxes utilizadas nalgúns versos buscan mostrar a dinámica intrínseca do real.
Unha poética imprescindible para inaugurar esta fermosa tempada.