Esta biografía analiza o seu papel na música galega, así como controvertibles episodios que provocaron o seu exilio e o seu paso polo cárcere. Vaamonde foi o primeiro músico condenado pola censura na democracia.
Hoxe reivindicámolo como unha das figuras máis relevantes da música galega nesta biografía completa e definitiva, Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo, publicada na colección Reportaxe de Editorial Galaxia, a cargo de Fernando Fernández Rego.
“Suso Vaamonde creu sempre no país da utopía, loitou sempre pola defensa dun pobo, dunha terra e dunha lingua. El mesmo era consciente diso, ‘sigo sendo moi utópico’ afirmaba en novembro de 1999, cando a súa luz estaba pronta a apagarse. Loitou por mudar o mundo que lle tocou vivir -aqueles tempos da ditadura e de Voces Ceibes- e todo iso tradúcese na conversión da súa figura como unha das máis relevantes da música galega. El foi un dos primeiros cantautores que se achegou á poesía galega, musicando poemas dos poetas da terra”; adianta o autor no limiar do libro.
Trátase dun artista clave na historia da música galega e un pioneiro. O primeiro que musica poemas en galego e os populariza, o primeiro que fai discos en galego para nenas e nenos ou, como produtor, rescatando a música popular das tabernas.
“O compromiso de Suso foi moi alto, e iso levouno incluso a sacrificar a súa liberdade persoal e a ter que vivir no exilio político. Nuns tempos en que palabras como ‘xustiza’, ‘progreso’ e ‘liberdade’ escaseaban e os valores de Galicia intentaban ser anulados, Suso Vaamonde erixiuse coma o bardo que o país precisaba”, asegura Fernández Rego.
El foi un dos artistas máis comprometidos que tivemos na cultura galega. O seu legado continúa vivo e de plena vixencia, e así seguirá durante moitos anos. Xeración tras xeración novos músicos recollen a súa semente e fan que a chama siga prendendo no público. Porque como cantaba Bibiano: “Somentes morren aqueles que non deixan semente”.