O día 19 de xaneiro, ás 19:00 h, celebrarase, no MARCO de Vigo, a presentación do libro Alba de groria, de Castelao, ilustrado por Ana Santiso.

Acompañando a ilustradora, asistirá o filólogo, escritor e etnógrafo Calros Solla e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Como o aforo é limitado, recoméndase confirmar a súa asistencia no correo: galaxia@editorialgalaxia.gal

O acto contará con todas as medidas de seguridade.

Alba de groria foi o derradeiro discurso que pronunciou Castelao, exemplo da súa capacidade oratoria e política, e que agora se ve enriquecido coas ilustracións de Ana Santiso. Esta nova edición publicouse no centenario da Xeración Nós, da que Castelao foi un dos seu membro máis senlleiros.

A recoñecida artista Ana Santiso recrea os personaxes dos que fala o rianxeiro no seu célebre derradeiro discurso. Este libro inclúe unhas páxinas onde se identifica con claridade todas e cada unha das personalidades que aparecen no discurso e nos debuxos.

Ana Santiso é ilustradora, debuxante e muralista. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo obtén o título de Técnico Superior en Ilustración na Escola Massana de Barcelona. Inicia a súa carreira como ilustradora no 2010. Dende entón ilustrou 17 títulos, dous deles da súa autoría, con diversas editoriais galegas. Como muralista realiza intervencións ao longo de toda a xeografía galega, especialmente en zonas rurais.⁣

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista.⁣
Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa profesión para dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia. A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no xornalismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica. Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos. En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra Ben de Interese Cultural.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR