A Editorial Galaxia presenta o acceso aos 156 primeiros números da revista Grial

Categoría: Nova

Están dispoñibles os 156 primeiros números, en formato PDF, da revista.
Unha oportunidade para que, quen teña interese, poida acceder a contidos culturais de alto valor. Na revista, dirixida desde o seu nacemento por personalidades da altura de Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego; Carlos Casares e Víctor F. Freixanes con Henrique Monteagudo, onde colaboraron as sinaturas máis senlleiras do noso país e do ámbito internacional.
Os seus comezos estiveron marcados pola ditadura, unha época onde, grazas á valentía e o compromiso dos seus fundadores, conseguiron facer deste proxecto unha realidade. Unha revista que buscou desde o principio contribuír ao prestixio cultural da lingua e da cultura galegas, dentro e fóra do país, universalizalas, e incorporar a mocidade á súa defensa.
Co inicio de 2020, e a partir do número 226, o consello de redacción renovouse nunha nova xeira. A responsabilidade de pilotar a revista como director recaeu en Henrique Monteagudo, acompañado de Francisco Castro como editor e de Xesús Domínguez Dono como secretario de redacción, cargo que ocupou Xosé Manuel Soutullo durante máis de trinta anos, e que conta coa complicidade, ilusión e esforzo de Carlos Lema, María López Sández, Inma López Silva, Grial Parga, Xosé Manuel Dasilva e Álex Alonso Nogueira, que completan o Consello de Redacción, e que conta co apoio dun consello asesor formado por Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Uxío Labarta, Agar Ledo, Jorge Mira, Xosé M. Soutullo, Dolores Vilavedra e Ramón Villares.
Grial é o fío que nos vencella coas institucións que nos precederon na defensa de Galicia, como o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e a xeración Nós, da que Galaxia se sente continuadora.
Grial é unha obra construída, de xeito espléndido, por varias xeracións, entregadas con ilusión e esperanza á reconstrución da nosa cultura e que agora enceta o novo ano con esta saída de balde á Rede. Podedes acceder aos números premendo aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email