“Fiz Vergara Vilariño. Fotobiografía”, un libro de Yago Rodríguez Yáñez

Categoría: Evento

Xa está dispoñible en todas as librerías a fotobiografía de Fiz Vergara Vilariño, editada por Yago Rodríguez Yáñez.
Unha obra que mestura vida, literatura e a cronobiografía do autor de Lóuzara Xabreira. Este libro pretende ofrecer, a través da unidade que conforman as visións fotográfica, pictórica e escrita, unha breve achega ás circunstancias biográficas e literarias que agroman na lírica da sinceridade que practicou Vergara Vilariño.
Un referente esencial da poesía, de exquisita delicadeza, que debeu loitar coa enfermidade e coa incomunicación dende a súa vila, polo que solicitaba decontino as visitas e as epístolas dos seus camaradas.
Xulio Xiz afirmou, no limiar deste libro, que na Lóuzara Xabreira “vivía un poeta inmenso, que tiña un fato de amigos literatos namorados do seu idioma e poesía, que querían formar parte do seu mundo, aínda que sabendo que o aparente mundo reducido, o mundo físico de Fiz, tiña dentro del outros mundos que, tanxencialmente, se afincaban en Lóuzara, pero sen límites no inmaterial”.
Moi activo culturalmente, formou parte do colectivo Cravo Fondo. A súa poesía tiña inicialmente un marcado carácter social, que foi logo derivando cara a un maior intimismo.

Ó xeito dun trobador namorado, agardará por sempre, na compaña da soidade e da bremanza, a chegada da súa dama, “xunto ó vello muíño” e á Fonte da Cova, marco onde concorren os devanceiros e o retorno á infancia.
Fiz arelaba, unha vez desaparecese da vida, liberarse das ataduras físicas e que o seu corpo, alleo ó sufrimento, fose convertido “nun ramallo de panqueixos e caraveis”.
Yago Rodríguez Yáñez, editor deste libro, é doutor en Filoloxía e profesor de ensino secundario. Realizou estadías de investigación na British Librarye na Senate House Library de Londres. Entre os seus traballos destacan os dedicados a John Keats, Darío Xohán Cabana (en colaboración con Luis Calvo), Miguel Hernández, Emilia Pardo Bazán, Tirso de Molina, Miguel de Cervantes, Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro e Fiz Vergara Vilariño. Escribiu, entre outras iniciativas, o poemario Déixame ancorar… (2012), A peito descuberto: Análise e edición da obra poética de Fiz Vergara Vilariño (2012), baixo o selo da Asociación Cultural Xermolos, ou a selección e estudo do poeta de Lóuzara, Fiz Vergara Vilariño. Non deixes que a tardiña me sorprenda. Antoloxía poética (2019), publicado en Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email