Presentación de 'A máscara de Ulises' de Xosé Carlos Caneiro en Ourense

Categoría: Nova

Este sábado, o escritor de Verín, Xosé Carlos Caneiro, na compaña do director xeral de Galaxia, o escritor Víctor F. Freixanes, presentará o seu novo libro, compendio de moitos dos seus relatos ao longo de varias décadas, 'A máscara de Ulises', un volume co que o autor, ao xuntalos no libro, pretendeu, entre outras cousas, amosarlle aos seus lectores e lectoras a evolución e cambio de estilos e de voces como froito do paso do tempo e do seu traballo autoral.
No libro atoparemos relatos que ven dende o realismo de linguaxe diáfana ata os barroquismos e flexións semánticas característicos da súa produción novelística, así coma a procura constante de novas formas lingüísticas, a querenza polos perdedores e polos personaxes que viven ao límite, a metaliteratura como materia ficional…. En defintiva, un volume que condensa e concentra numerosos vértices: o desacougo, a plasmación da linguaxe lírica e a prosa cálida dun autor marcadamente diferenciado no panorada literario galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email