Salvador García Bodaño, premio 'Voz de liberdade'

Categoría: Nova

O vindeiro 14 de xuño, ás 20 horas, o poeta Salvador García-Bodaño recibirá o galardón 'Voz de liberdade', na súa sexta edición e outorgado polo Pen Clube de Galicia.
O acto celebrarase na Fundación Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 7) de Santiago de Compostela.
O premio Voz da Liberdade do Centro Pen Galicia recoñece as traxectorias de escritores galegos que destacan pola súa defensa da liberdade de expresión. O premio recoñeceu nesta ocasión a obra xornalística do poeta e académico Salvador García Bodaño, quen asegurou ao coñecer o premio que lle causaba especial satisfacción xusto por «recoñecer un traballo meu nos medios de comunicación que non sempre é tido en conta».
Este premio ten carácter bianual e, nesta ocasión, contou no seu xurado con Miro Villar, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Manuel Guede e Inma López Silva, sendo o presidente Luís González Tosar e o secretario Xabier Castro Martínez. O xurado, que concedeu o premio por unanimidade, salientou o «compromiso do autor e a firme loita pola democracia e polos dereitos políticos, sociais e culturais do noso país».
Bodaño sinalou que a crítica e «a liberdade de expresión contribúen a mellorar a sociedade». «Agora non se pode «falar daquela censura do franquismo, pero sei que algunhas empresas xornalísticas establecen determinadas limitacións», apuntou o premiado. Para o escritor «co silencio mortal non se vai a ningunha parte» argumentando que a liberdade de expresión é a demostración «do espírito do noso tempo».

Comparte nas túas redes sociais ou por email