Preparando o outono literario

Categoría: Nova

As cociñas da editorial están a punto. En setembro e outubro haberá noticias. Excelentes noticias. A próxima novela de Xosé Neira Vilas, por exemplo: "O latexar da aldea", unha viaxe polo mundo rural noso, cunha técnica semellante á que no seu día o escritor de Gres empregou para "Remuíño de sombras" (1973), naquel caso centrada no mundo da emigración en Buenos Aires, coa lingua rica e vizosa do autor de "Esperando o leiteiro" (2012).
Manuel Portas vén de gañar o Premio García Barros cun novo libro: "Lourenço Xograr", recreación do mundo medieval dos trovadores, coa reconstrucción biográfica dun dos nosos grandes xograres do século XIII, entre a ficción e a documentación histórica. Será novidade tamén no outono.
Antón Riveiro Coello xa entregou a súa nova novela, cuxa saída está prevista tamén para o derradeiro trimestre do ano: "Os elefantes de Sokúrov", novela ambiciosa na liña na que nos ten afeitos o autor de "As rulas de Bakunin" e "Laura no deserto".
En na colección Árbore, literatura pensada para os lectores máis novos. Sara Barreiro estréase cunha historia de intriga e afectos: "Vic e Bombona". Un neno, un misterio a descubrir e unha cadeliña. Propostas literarias para públicos diversos, a gozar. Haberá máis. Pero adiantamos estes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email