Finou Luís Rei

Categoría: Nova

Deixounos Luís Rei o día de San Lourenzo, así o escribiría el que tanto gustaba das haxiografías. Luís era bibliotecario e técnico de cultura do Concello de Cambados, pero era moito máis ca un funcionario, porque o amor e a entrega polo que facía nunca entendeu nel de horarios, nin de quendas, nin de vacacións, só de actividades interesantes, do estímulo de achegar a cultura e os libros á xente.
Luís Rei entregouse á figura de Ramón Cabanillas, el que na súa mocidade rebentara un acto en honra ó poeta cambadés. Daquel Luís o Trosko confesaba que quedaba todo, que era a esencia da súa alma, porque seguía a crer na verdadeira democracia. Luís era home íntegro de camiño dereito e de sorriso amplo. Sabía máis ca ninguén de Cabanillas e así publicou en Galaxia a biografía que titulou Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades (2009). Gustáballe dicir que era un libro colectivo, así o sentía na xenerosidade que o acompañou sempre, pero o certo é que con el marchou o mellor coñecedor da figura do poeta das Irmandades da Fala.
Co seu gran amigo Francisco Fernández Rei editou o volume Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas, que se entregou en cada casa do Concello de Cambados. Esa era a fórmula na que cría Luís, en achegar a nosa cultura á xente, en estar a pé de obra poñendo e recollendo os trasmallos, no seu afán de que se saiba o que somos como pobo. Non foi o único acto que organizou para celebrar en 2009 o 50 aniversario do pasamento de Ramón Cabanillas. Sempre traballaba en equipo, era a súa maneira de estar na vida. Con ese espírito puxo en marcha o Centro de Documentación Local, participou activamente no VII Encontros de Embarcacións Tradicionais e dirixiu a revista Ardentía.
Luís Rei nacía no Grove en 1960 para facer un Camiño longo. Antre as roseiras de Cabanillas, así titulou a súa obra de teatro publicada en 2004 e así podería chamarse tamén a súa biografía, só que o camiño foi curto, querido Luís, e que sorte tivemos de que unha parte del estivese unido a Galaxia, que por sempre será a túa casa.
Queda no noso recordo o Luís Rei investigador incansable e rigoroso, o activista, o ecoloxista, queda tamén o Luís fillo dunha "rosiña do sal, recendo de marusía", dunha muller que traballaba na fábrica de sardiñas de Cantodorxo, o Luís humilde de lingua proletaria e ideas nobres, o Luís de Nordelo que loitou para que o mundo fose un lugar mellor.
Hoxe o ceo deixará ver as bágoas de San Lourenzo que se unirán as nosas para despedirte, sabendo que deixas obra e que nos volveremos a atopar nesta a túa casa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email