PREPARANDO O NADAL

Categoría: Nova

Hai un mes publicábanse os primeiros títulos da colección "Pimpín por aquí non vin". O Magosto e O Samaín son os primeiros títulos dunha serie formada por fermosos libros en formato acordeón, volumes despregables nunha longa saba na que a ilustración, da autoría de Jacobo Fernández, ocupa case que todo o protagonismo. Grazas a este formato novidoso e divertido, pequenos e grandes xogan coa historia gozando do pracer de ver e, nun segundo instante, tentando solucionar as preguntas que se lles propoñen no propio texto. A colección está tamén pensada para que os cativos da casa vaian entrando no mundo das letras a través dunha lectura sinxela e moi básica. Ademais, en todos os libros da colección está agachado un pimpín, un fermoso paxaro que xogará a despistar. Os lectores e lectoras van ter que esforzarse para atopalo.

Xunto con O Samaín que celebra a festa das cabazas, dos calacús, da noite e dos espíritos, e O Magosto para celebrar a castaña e o seu sabor, aparece agora O Nadal. Nos vindeiros meses serán outras festas tradicionais de nós, as que se verán convertidas en libros fermosos para ler, xogar e interactuar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email