O comisario explicou a transcendencia fundamental que no desenvolvemento da expresión literaria galega tivo a censura franquista, ao teimar en controlar os contidos do que se publicaba así como, fundamentalmente, os seus aspectos ideolóxicos. A dureza da situación obrigou a vivir episodios realmente duros e estraños, como a publicación da Obra Completa de Ramón Cabanillas en Buenos Aires, pois a censura franquista pretendía eliminar vinte e cinco poemas de varios dos poemarios do poeta de Cambados así como a totalidade de O Mariscal. Xosé Manuel Dasilva explicou a terrible persecución que sufriu toda a produción de Castelao ou a expurgación de A Esmorga de Eduardo Blanco Amor ou os problemas para a edición dos poemas de Celso Emilio Ferreiro.
Na súa disertación ficou claro que practicamente todos os autores galegos da época tiveron problemas dunha ou doutra índole coa censura. Tamén, que na meirande parte das ocasións os censores non entendían practicamente nada do que aquelas obras dicían, e despachaban algúns informes de maneira dabondo pueril. A grande obsesión dos censores, por outra banda, era todo o relacionado coa moral sexual e, no caso concreto da lingua galega, poñer de manifesto a súa inferioridade.
A exposición Editar en galego baixo a censura franquista, organizada pola Fundación Penzol, pódese visitar na Casa Galega da Cultura ata o 11 de xaneiro de 2009.