O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego presentou onte en Santiago a primeira edición dos premios Produto Gráfico Galego, unha iniciativa que pretende poñer en valor o traballo dos profesionais e das empresas do sector, que destaquen pola súa innovación e creatividade.
Unha das catro categorías a concurso contará cunha dotación económica, a correspondente a Novos Talentos, cuxo gañador recibirá unha bolsa de 6.000 euros. O presidente do Clúster, Jacobo Bermejo encabezará un xurado de cinco persoas encargado de resolver os premios que se entregarán nunha gala a celebrar o 30 de novembro.
O xerente do Clúster, Juan Penas, sinalou como obxectivos "estimular o sector premiando as propostas máis talentosas en diferetes formatos". O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, amosou a súa satisfacción por "ir avanzando na promoción das actividades culturais, neste caso, nun sector en alza".Varela subliñou a intención da Consellería de "dar un pulo e incentivar os profesionais que buscan a excelencia como factor de futuro".
Sen dúbida, uns premios que contribuirán a prestixiar un sector tradicionalmente ben creativo.
( Na fotografía, de esquerda a dereita o xerente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, Juan Penas; o presidente deste organismo, Jacobo Bermejo; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; e o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias ).