Palabras de Xosé Manuel Beiras en Trasalba

Categoría: Nova

GABANZA E ORACIÓN PROFANA A DON RAMÓN DE TRASALBA

Por moi atrás que me remonte nas miñas lembranzas, até os recantos máis remotos da miña memoria infantil, non son capaz de sinalar o momento preciso en que nela emergulla por primeira vez a imaxe de Don Ramón Otero Pedraio -a tal ponto ela constitue unha constante nos arquivos do meu imaxinario primeirizo. Se cadra porque, presidindo o escritorio do meu pai, primeiro na rua do Vilar e despois na Rosaleda, estivera sempre un tríptico de retratos fotográficos que eu vía de cotío, enmarcado en madeira escura tallada por Bonome e coroado polo escudo de Galiza, no que a efixie de Don Ramón ocupaba o centro: Castelao, á esquerda, e á dereita Risco, completaban a trinidade simbólica providencial do credo que máis firme e afervoadamente profesou meu pai de por vida, o ideario galeguista da redención do povo galego, o ideario liberador da Terra asoballada, o ideario emancipador da nosa nación galega. Se cadra foi por iso que a estampa do rostro de Don Ramón integrouse dende o comenzo na miña iconografía máis familiar e íntima como un dos seus centros cordiais tamén nela, e que durante os primeiros lustros da miña vida aquela faciana, no meu maxín, non tiña idade, como a aciñeira do Zeca Afonso, por ela non pasaba o tempo, como volve acontecerme agora que aquil mesmo tríptico alumea a biblioteca da nosa casa de Aguiar. A presenza de aquiles tres rostros que me ollaban ao fite cando os contemplaba e me falaban sen palabras, aprendeulle ao neno que eu era daquela, e sen máis adoutrinamento, aprendeulle cál era o seu país, cál o seu povo, cál a sua nación verdadeira, que non era a que os energúmenos nacional-católicos do entón proclamaban, como a proclaman os seus herdeiros de arestora, senón a nación negada e proscrita polos fascistas, o país esbullado por caciques e plutócratas, o povo esmagado e inda recén daquela martirizado por Atila. Era a constante presenza de aquiles rostros, con Don Ramón no centro e o Daniel á esquerda, a búxola que orientaba o xermolar na miña consciencia da nosa identidade colectiva, a que dialogaba silandeiramente cos textos dos devanceiros nos que o meu pai nos aprendía a lér galego, a que descifraba para o meu caletre infantil a mensaxe, de primeiras enigmática, das estampas do album 'Nós' de Castelao enmarcadas e penduradas nas paredes do longo corredor da nosa casa da rua do Vilar: 'Non me fan xustiza, Señor!'; 'Que San Roquiño nos libre de médicos, avogados e boticarios'; 'Eu non lle quería morrer alá, miña nai'; 'Cánto pesa e cómo fede!', que di a vella labrega co negro cadaleito ás costas que leva impresa a palabra 'Lex'; ou o petrucio co machado ao lombo: 'A nosa Terra non é nosa, rapaces'… Eu erguía a miña ollada cara as figuras do tríptico en percura de resposta a eses enigmas, e os ollos de don Ramón e Castelao semellaban sorrir e contestarme: "levas camiño de comprendelo". Eu pergúntome, e pergúntovos tamén, se aquelas estampas non seguen a ter vixencia coma daquela, e se agora tamén levamos camiño de comprendelo, nestes tempos de exterminio do campesiñado, de trebón que non cesa sobre a xente mariñeira, de recrudecida agresión ao proletariado, de espoliación colonial reduplicada, até de atávica ofensiva contra o noso idioma, contra o seu idioma, o de Castelao e de don Ramón de Trasalba.

Mais non só esa presenza virtual é unha constante nos arquivos da miña memoria máis remota. Tamén a real presenza física de Don Ramón consta de sempre na andaina da miña nenez dende as orixes das miñas lembranzas. A presenza de aquil home alto e lanzal, aquela ergueita figura humana de brazos sempre abertos para o abrazo de irmandade, para abranguer o mundo coa sua fala, pra tracexar no ár o contorno das imaxes que deseñaba o seu verbo ramalloso perenemente frolido, esa presenza, digo, acompaña inesquecíbelmente a remembranza de tódolos encontros de galeguistas aos que eu asistía dende ben picariño na compaña dos meus pais e axiña os meus irmaus máis próximos a min en idade. A empezar pola 'Misa de Rosalía', así chamada, en Bonaval, cada ano por xullo o Día da Patria, a única misa -comentábase xa entón- na que boa parte, se non os máis, dos asistentes eran ateos, ou agnósticos, ou non cristianos praticantes en calquer caso. Republicanos, iso si, todos iles, todos antifascistas -é dicir, xente de ben. Incluso os curas que oficiaban na ocasión. Alí xuntabanse os 'bós e xenerosos' supérstites da 'Galiza mártir', as poucas varas frolecidas que a demouca franquista non tronchara ou condeara ao exilio, os del Riego, Bouza Brey, Illa Couto, Alvarez Blázquez, Cunqueiro, Ferro Couselo, Carvalho, Lourenzo, Penzol, Fraguas, Carro, Pedret, Leuter, Salvador Rei, meu tío Antón, tamén 'O Vello dos Contos' Mosquera Pérez, promotor do recén nado Patronato Rosalía Castro e do resgate da Casa da Matanza, e tantos outros, e máis que eran xentes sinxelas do común, artesáns, oficinistas, empregados de comercio -e algúns cativos que eramos vistos con espranza e agarimo coma os fentos que agroman no monte queimado e anuncian o reverdecer da Terra. Ao comenzo faltaban os que estaban na cadea, como Cesáreo e Piñeiro. Mais alí sempre estaba Don Ramón -e Fita, inseparábel. Chamaba a cada quen polo seu nome, mesmo aos cativos, non esquencía a ningún, ou tal me parecía, e para todos tiña unha frase gasalleira, unha mención agarimosa, un aceno cordial: era o patriarca, mais exercía como irmán, solícito, modesto e solidário. É así como o recordo, como revive na miña memoria infantil máis remota.

Velaí: tenrura e afouteza, modestia e dignidade, e portanto, orgullo sen nen chisco sequer de soberbia ou vaidade. "Eu son unha pantasma do século dazanove": cántas veces llo terei escoitado dicir nos anos composteláns nos que máis asíduamente o tratei, nos que por fin puido profesar a cátedra de Xeografía na Universidade, xustiño dende o mesmo curso no que eu encetara os meus estudos de Dereito. Gostaba Don Ramón en ocasións de definirse así nas suas conversas cos mozos, cos 'novos' -mais 'os novos', para il, non o eramos só os mociños das xeracións novas daquela, senón mesmo o séquito de varóns xa ben maduros que lle facían xentilmente a corte. Adoitaba dicilo coma un requilorio ritual, ás veces cun asomo de sorriso irónico nos labres e cintileo bulreiro nos ollos. Sempre con irónica humildade, semellante á contida na famosa autodefinición de Eça de Queiroz: "Eu sou apenas un pobre homem da Póvoa de Varzim". Mais o Don Ramón que así se definía perante mociños e mociñas coma nós, distaba máis ca ninguén de ser unha pantasma de calquer tempo ido. Posuía unha portentosa vitalidade inteleitual e anímica, unha insaciábel curiosidade por todo o acontecer cultural contemporán, e unha increíbel capacidade de comunicación, empatía e sintonía cos valores e o mundo vivencial e criativo da xente máis nova. Mesmo cando enxuizaba con cordial sarcasmo a algunha figura referencial para as nosas xeracións, como aquil no que tildaba a Marcuse de "búfalo acatarrado" nunha dedicatoria que me escribira xa a finais dos sesentas: pensado hoxe en retrospectiva, non lle faltaba o seu aquel de acerto. Don Ramón era unha incesante cachoeira que ateigaba augas abaixo tódolos regos da cultura. O vitalismo temperamental e a vitalidade inteleitual de Don Ramón eran tan perenes, inesgotábeis e polimorfos coma os da propia Galiza que deu sentido á sua vida e se reencarnou na sua obra.

Mais esa sintonía cos mozos viña de ben atrás, e estaba arraizada no seu temperamento e a sua sabiduría, na actitude oteriana de humildade perante a imensidade do mundo do saber e da cultura. Ás veces, estando eu a ler ou reler certos textos do volume de 'Ensaios', ténseme dado por pensar que Don Ramón foi, na cultura galega, o mestre que se adiantou ao esprito do sesenta e oito, se acaso é lícito dicilo así. Reparade, se non. Quén coidaría seren de don Ramón Otero estas palabras dunha conferencia pronunciada para as Mocedades Galeguistas no 1932, por mor do centenario de Goethe?: "Non cansarei de predicar aos mozos que fuxan dos prólogos, das críticas e dos manuales, de incirralos para que afonden destemidamente no misterio das almas dos poetas e dos filósofos. Se a impresión deixada niles por Goethe, por Rousseau, por Proust, é contraria á que dogmatizan os críticos oficiales, mellor, e se despois de lér e pensar algunhas páxinas resolven deixar o libro no estante pra botarse a axexar polo campo o florecer novo das acacias, mellor que mellor. Mais sempre que se cumpla coa limpa arela de lér e de pensar".

Vicente Risco dixera da sua xeración, a retratada por il en 'Nós, os inadaptados', que a fin de século do XIX na que iles naceran fora 'neorromántica': "E nós somos neorrománticos e tráxicos e mesmo apocalípticos por iso mesmo" -escribira. É ben sabido que a xeración 'Nós' pasou, como Ulises, por un longo arrodeo odiseico denantes de retornar á sua Ítaca, Galiza. Mais eu modulo na diagnose e dígovos: foi moito máis ca unha aventura inteleitual. Foi unha auténtica epopeia existencial consumada a forza de introspección, xenerosidade, voluntarismo e solidariedade. Foi un heroico proceso de auto-desalienación e auto-descolonización individual e colectiva en tres dimensións primordiais, idiomática, cultural e ideolóxica, que finalmente proxectouse nun circio compromiso ético e político co seu povo, ou inda millor dito, en rigor, coas malferidas clases populares desta nación, ás que iles, por extracción social, non pertencían. No inicio desa andaina, "Eramos -di Risco- antigregarios, antisociais. Eramos sinxelamente individualistas". Xa que logo -ironiza- "andivemos pelegriñando polas cosmogonías e polas culturas, en demanda do insólito". E enuncia esta precoz e descarnada diagnose do auto-odio: "Ben craro está que esta procura do lonxano e do exótico viña do odio ao noso, que atopabamos ateigado de vulgaridade e de fealdade" -e de inutilidade, dirían hoxe os bífidos glotófagos na sua guerra das línguas contra o idioma galego, porque non val para ler o Financial Times. Adrián Solovio, o alter-ego do Otero desa etapa, retrátase de xeito análogo no seu soliloquio camiño de Madrid: "Pois axiña chegarás a Madrid. Xa non ouvirás noxentas falas galegas. Terás que disimular o acento" -inútelmente, como algúns que eu-ben-sei. E o cénit da sua alienación: "A vida na que quero latexar é na vida do pensamento español". Ou estoutro: "Tua terra foi a maior vergonza da miña vida. Naceu pra serva. Alí, a porcallada forma parte integrante da paisaxe". Mais, ao cabo, a chegada a Ítaca. En Risco, coa famosa imaxe parabólica retranqueira de aquel inglés de Chesterton que, despois de dar voltas polo mundo, descubríu unha fermosa terra verdecente que resultou ser a Gran Bretaña. En Otero, co remate de 'Arredor de si': "En Santiago, Adrián sempre se coidaba na Europa e máis galego que nunca. A sensación do Estado español estaba pra il ausente da cidade". E a contundente asunción do compromiso identitario: "Eiquí remata o primeiro, longo e tráxico estadio do vivir de Adrián Solovio. A sua vida dende agora identifícase ca vida da Galicia; xa non é novela, nin esperiencia psicolóxica. Xa é historia" -xa forma parte da Historia da Galiza, é dicir, do proceso antitético ao da historia de España en Galicia.

O compromiso identitario profesado por Otero e a Xeración Nós apousa nos alicerces da construción da identidade sociopolítica da Galiza como nación botados polas Irmandades da Fala na Asemblea Nazonalista de 1918 en Lugo, onde o galeguismo protonacionalista pega o salto á formulación dun proxecto nacionalista explícito, é dicir, dun proxecto político de conquista e exercizo da soberanía nacional polo povo galego. Ese deseño da identidade nacional da Galiza, que será culminado polo Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista da República, constrúese con duas trabes mestras cardinais: o 'celtismo' do eixo Pondal-Murguía nos Precursores, e a cultura 'enxebre' concebida como fenómeno antropolóxico-social. Moitas veces levo matinado en que, sen sabéreno, as xentes das Irmandades e de Nós construiran a identidade nacional galega sobre os dous esteos que, só dous lustros antes, chantara o austro-marxista Otto Bauer como peares do seu conceito de 'comunidade nacional', a saber: unha 'comunidade de orixe' e unha 'comunidade de cultura', que, combinadas, constituen unha 'comunidade de carácter' e, proxectadas cara avante no decurso histórico, dan lugar a unha 'comunidade de destino'. Eis, ao meu ver, o sentido conceitual que encerra a ben coñecida definición de Galiza como 'célula de universalidade', antitética de calquer ideoloxema chovinista. Por iso a nación é unha comunidade, e non un simples agregado de indivíduos -a diferencia da redución xacobina da nación aos cidadáns- e por iso tamén unha nación é tal con ou sen Estado propio, poisque a nación é unha realidade previa ao Estado: "a nación é un fenómeno social", dí taxativamente Bauer, e máis "non é unha suma de individuos, senón que cada individuo é o produto da nación", cousa que convirte ao conxunto diles "nunha comunidade", e non simplesmente unha sociedade. De aí que as liberdades e dereitos políticos dun individuo non esteñan completas sen a liberdade e os dereitos políticos da sua nación, da sua 'comunidade nacional'. E de aí tamén que "a nación non debe a sua existencia a estatutos externos, senón que pre-existe lóxicamente a todo estatuto": eis o alicerce do dereito á sua autodeterminación. En troques, "a nosa comprensión da relación entre a nación e o Estado apousa sobre a nosa representación da relación da nación co chan", poisque "o Estado naceu como corporación territorial" desque se descompuxo "a anterga constitución parental". Son aseveracións de Bauer: moi ben poderían séreno dos homes das Irmandades e a Xeración Nós. E eu fágovos esta engádega: por iso mesmo, negar a nosa identidade nacional implicaría borrar do mapa ás figuras que hoxe constituen símbolos constantemente invocados como avais lexitimadores dos diversos ocupantes das institucións políticas galegas de autogoverno, dende Rosalía a Castelao, dende Murguía a Don Ramón de Trasalba.
No labor de equipa da Xeración Nós para a reconstrución da identidade nacional galega, á par da militancia política, a Otero cadroulle primordialmente restaurar a trabe mestra da nosa existencia na Historia como 'comunidade de cultura'. E fíxoo nas claves do ciclo da modernidade no que iles todos eran avangarda no seu tempo, concebindo a Galiza como encrucillada de civilizacións, interpretándoa a traveso do código da cultura propria, e cunha actitude proxectada cara o futuro, ou sexa, cara a aventura do descoñecido que está por vir. Está patente na sua criatividade como xeógrafo, nomeadamente na sua xenial teoría da paisaxe humanizada e as duas leis do seu movemento. Estáo asimesmo na sua extensa e dispersa obra ensaística, se cadra a menos coñecida e explorada da vasta produción oterián. E estáo, abofé, no seu 'Ensaio histórico sobre a cultura galega', inda hoxe referencial, e na deslumbrante lucidez do seu prólogo. Escoitádeme a Don Ramón: "Cada rexión do planeta plenamente caracterizada é dona dun sistema de interpretación do mundo". "A sua orixinalidade é tan poderosa que calquer cultura que as cubra ten que adaptarse necesariamente á sua propria interpretación". "Galiza disfroitou dende o mencer do tempo histórico dunha conciencia orixinal. Aquela conciencia segue a vivir hoxe. Ela inspirou os períodos vitais de Galiza". "Non hai cousas vellas nen novas, hai só cousas vivas e mortas, e non as determina a idade senón o alento interior que as anima". E, enfin: "Este país grave dun vibrante ou calado pasado debrúzase, cada día, cada hora, sobre un ignorado e misterioso porvir".

O "ignorado e misterioso porvir" tíñalles reservada ás xeracións de Otero, as Irmandades e o Partido Galeguista a inesperada traxedia da barbarie de Atila en Galiza, que esborrallou a obra común que estaban a construir, martirizou ao povo polo que andaban a loitar, asasinou a tántos diles, exiliou a tántos máis, represaliou aos que sobreviviran, e reduciu aos restantes ao silenzo e a impotencia no cárcere no que a tiranía católico-fascista convirtira esta Terra Nosa. Don Ramón e os seus Irmáns galeguistas, aquiles que pesia todo non renegaran, tiveron que asumir a maldición de Sísifo, e encetaren a reanudación do proceso construtivo da nación galega dende ben máis atrás de onde fora brutalmente interrompido. Á sua heroica teimosía débelles todo a miña xeración. A empezar pola transmisión da memoria colectiva deste povo e da constelación de nomes cintilantes no setestrelo que nos guiou na travesía da longa noite de pedra. Se a Santa Compaña de Castelao transita polo exordio da 'Alba de Groria', a de Otero emerxe no seu 'Libro dos amigos', exercizo de libérrima coraxe e solidária dignidade no ostracismo, certeiros retratos testemuñais e conmovedoras homenaxes a tantos dos seus Irmáns de loita nacionalista emancipadora exiliados ou desaparecidos, Castelao, Antón Vilar Ponte, Lousada Diéguez, Xurxo Lourenzo, pero tamén os asasinados pola barbarie fascista, Bóveda, Anxel Casal, Víctor Casas, Arturo Noguerol, Roberto Blanco Torres… Escrito para garantir que non enterraran cadavres, senón semente, ese libro tornoumos en sombras amigas na miña adolescencia.

Meu benquerido e venerado Don Ramón de Trasalba, veleiquí tés ao pé de ti e da tua benfeitora sombra a este Señorito da Reboraina apócrifo, usurpador cordial da tua derradeira persoaxe de ficción, que se pergunta se non virá ser, il si, apenas unha pantasma do século vinte condeada tamén ela á maldición de Sísifo. A esta altura da miña andaina, cáseque non teño máis que dúbidas e interrogantes, réstanme poucas certezas, fágome a cada paso máis perguntas para as que non acho resposta, agóirame o 'ignorado e misterioso porvir' do meu, do teu, do noso povo. Pergúntome mesmo, ás veces, se non acabará por ser comesto dos lobos o froito do voso titánico esforzo, do sacrificio de tódolos teus e meus irmáns que consagraron, e até perderon, as suas vidas na loita pola dignidade e a liberdade do seu, do noso povo. Iste non é certamente o país dos ananos do Celso Emilio, mais os ananos do país proliferan e empoléiranse nas institucións do poder que vós todos, nós tamén, conqueriramos para pórmolas ao servizo da emancipación e o benestar da nación galega, que non para destruíla nen parasitala, non para dominala, domala e castrala outra vez máis nesta avesía reviravolta da sua historia.

Mais non. Non desertaremos, meu amigo, meu venerado Don Ramón de Trasalba. "Que todo está por refacer nesta Terra cuberta de cinzas, enloitada polos crimes dos sacrílegos que trabucaran a língua e os sinais e foran roubando o espírito da patria" -dixéralle eu a Antón Avilés noutra sazón semellante. E respostara il con aquil fermoso aturuxo: "Hai que romper de norte a sul Galiza, queimar as rozas dunha idade antiga e ver nascer o sol, lástima fora". De xeito que volverá abrollar a fusquenlla, porque compre unha nova rebelión emancipadora, compre unha grande mobilización cívica que devolva a este povo a sua dignidade, o exercizo da sua soberana liberdade. Que faga realidade a premonición de Pepe Alvarez Cáccamo na fermosa estrofa coa que remato e me despido de todas e todos vós: "Vexo a xente acudir e congregarse vagarosamente, desembocar desde calellas limítrofes, baixar por esqueiras e túneis,"…"como un bosque que nace da semente da escuma, multiplícanse espellos, asembleas, convoca a furia, estoura un lóstrego de ourizos nas raíces de nunca, a multitude, cobra, máis alta que as paredes, MARÉ DO POBO A ARDER". Amen.

Comparte nas túas redes sociais ou por email