Este sábado a Real Academia Galega daba a coñecer que o poeta do Courel, Uxío Novoneyra, era o escritor escollido para o Día das Letras 2010. Por outra banda, o tamén poeta Bernardino Graña era nomeado membro numerario da institución. Dous recoñecementos que foron celebrados unanimemente en todo o país.
Uxío Novoneyra naceu en Parada de Moreda, Courel, en 1930, fillo dunha familia de labregos. Esta terra será o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo "Os eidos", poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con "Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas" (1974). No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, até a súa morte no ano 1999.
Publica "Poemas caligráficos" en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en "Muller pra lonxe" (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en "Do Courel a Compostela 1956-1986", os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou "Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras". En 1998 publicou "Betanzos: Poema dos Caneiros" e "Estampas".
Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) traballou como catedrático de lingua e literatura no ensino medio. Aos dezaoito anos xa formaba parte, a carón de Celso Emilio Ferreiro, do consello de redacción da revista de poesía Alba. Fo premiado varias veces nas xa míticas Festas Minervais de Compostea e, no ano 1958, participou en Madrid na fundación do Grupo Brais Pinto, co que publica "Poema do home que quixo vivir", o seu primeiro libro.
Impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a súa obra abrangue diferentes xéneros: poesía, teatro, narrativa e literatura infantil. Entre os seus títulos máis destacados está o poemario "Profecía do mar" (1966), libro fundamental na poesía galega do século XX, "Non vexo Vigo nin vexo Cangas" (1975), "Himno verde" (1992) e "Sen sombra e sen amor" (2004). Como novelista obtivo o Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa pola súa primeira novela, "Protoevanxeo do neto de Herodes".