Palabras de Francisco Domínguez na homenaxe a don Paco

Categoría: Nova

Durante esta semana reproduciremos algúns dos discursos pronunciados durante a entrega do premio da AELG, Os Bos e Xenerosos, a Francisco Fernández del Riego.
Principiamos co que abriu o acto a cargo de Francisco Domínguez, actual director da Fundación Penzol.

Benqueridos familiares de Francisco Fernández del Riego,
escritoras e escritores en lingua galega,
amigas e amigos:

Bos días e benvidos a esta casa no día da homenaxe da Asociación de Escritores en Lingua Galega aos Bos e xenerosos que este ano se entrega a título póstumo a Francisco Fernández del Riego.
Pola Fundación Penzol pasan decote escritores e escritoras que acoden ao noso arquivo e á nosa biblioteca para investigar nas súas fontes e desenvolver estudos que xeran novos coñecementos e saberes sobre Galicia e sobre o seu ser. É pois algo común e frecuente recibir nesta casa aos que nos agasallan coa palabra escrita, aos que nos transmiten o seu saber e nos echen de gozo coa lectura dos seus escritos, aos que optan pola nosa lingua porque saben que é o cerne da nosa identidade como pobo.
Mais hoxe convértese en algo especial a presencia neste lugar dos escritores e escritoras en lingua galega e da súa Asociación, porque vos achegades aquí para facer un agallaso xusto e merecido a quen cos seus escritos sobre a cultura e a identidade galegas, coa súa produción literaria e coa súa vida encheu as páxinas dunha época da Historia de Galicia, creando co seu facer un país máis dono de seu. O orgullo que sentimos como pobo neste intre, débese en gran parte ao moito que fixo Francisco Fernández del Riego coa entrega xenerosa da súa vida á causa de Galicia.
Facedes ben en vir a esta Casa Galega da Cultura para facer esta homenaxe a D. Paco del Riego, pois dificilmente poderiades escoller un sitio mellor. Esta casa é o seu santuario.
Na Fundación Penzol exerceu como director case cuarenta e sete anos, dende a súa constitución. Deses cuarenta e sete anos, vintecinco pasounos nesta casa, logo do traslado da Fundación dende os locais da rúa Policarpo Sanz, 24.
Tamén nesta casa están a súa biblioteca e arquivo, e o seu museo-pinacoteca que doou á cidade de Vigo coa xenerosidade que sempre marcou o seu vivir.
Por iso hoxe ben podemos dicir que D. Paco está aquí entre nós, neste intre e por sempre. Nunca máis poderemos separar a persoa e figura de Francisco Fernández del Riego da Fundación Penzol e da Casa Galega da Cultura, onde nos atopamos, porque aquí viviu e sigue vivindo a través da súa obra, e aquí, así como hoxe acudides vós para facerlle esta homenaxe, moitos outros virán ao longo dos tempos para encontrarse co noso patriarca e guieiro, para estudar a súa vida e a súa obra facendo del un exemplo a seguir, tributándolle a mellor homenaxe que se lle pode facer.
Aquí está a súa obra escrita que axudou a construir Galicia nuns tempos escuros e de represión, nos que afirmarse como galego precisaba coraxe e entrega convencida. Aquí está tamén gran parte da súa vida, a linguaxe máis efectiva, a da exemplaridade do seu compromiso con Galicia… Se importante é a súa obra como escritor e estudoso, máis importante é a súa vida, a súa entrega xenerosa, chea de fe na Terra e no pobo, acugulada de valentía e bo facer, entrega constante e sen renuncia, sen desmaio.
Galicia estavos agradecida por esta homenaxe rendida a Francisco Fernández del Riego. El tamén estará sentíndose satisfeito polo voso recoñecemento.
E nós, a Fundación Penzol, tamén nos sentimos honrados e agasallados na persoa de quen foi o noso faro e guía que nos levou e seguirá levando a bo porto nas nosas singraduras a prol desta nosa Galicia, "país de pedra e auga", como el o definíu.
Benvidos e moitas grazas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email