Os amigos de Verines

Categoría: Nova

Verines vén sendo, dende hai 23 anos, unha referencia nas letras españolas. Escritores e escritoras en galego, castelán, éuscaro e catalán falan de literatura. A Universidade de Salamanca, en colaboración co Ministerio de Cultura e o Principado de Asturias, iniciou estes encontros no ano 1984 e dende entón, contra o mes de setembro, os escritores reúnense durante tres ou catro días, a carón da praia da Franca, para intercambiar impresións, información, coñecemento e experiencias.

Esta vez a convocatoria centrouse na proxección exterior das literaturas españolas. En certa maneira, estaba detrás a presencia da literatura catalana en Frankfort (cultura invitada nesta edición da Feira Internacional do Libro). A representación galega en Verines estivo constituída por Rosa Aneiros, Dolores Vilavedra, Xosé Antonio Neira Cruz e Víctor F. Freixanes. O catedrático da Universidade de Salamanca, Luis Jambrina, fixo de anfitrión, continuando a tradición que no seu día iniciara Víctor García de la Concha, na actualidade presidente da Real Academia Española.

¿Que posibilidades, que dificultades presenta a exportación da creación literaria española fóra das nosas fronteiras? Os debates foron apaixoados e instrutivos. Todos coincidían nunha cuestión previa: ¿como exportar as nosas literaturas se case non nos coñecemos entre nós? A presencia de representantes da universidade de Lyon (Francia) foi moi interesante. Cómpre unha estratexia exterior tamén para as literaturas españolas, non só en castelán, senón tamén nos outros idiomas do Estado. Cómpre unha coordinación entre as distintas institucións das letras (comunidades autónomas) para establecer unha acción conxunta cara ao exterior.

Sen substituír a iniciativa das distintas comunidades (o Instituto Ramón Llull desenvolve en Cataluña unha importante actividade ao respecto) todos coincidiron na necesidade de presentar no exterior as literaturas españolas non coma un discurso único, senón plural, diverso, aproveitando, chegado o caso, institucións como o Instituto Cervantes ou o Ministerio de Asuntos Exteriores. O Estado Español é unha realidade plurinacional, á marxe de prexuízos, e as literaturas das diferentes linguas son expresión activa desa pluralidade, capaces de competir con calquera outra literatura do noso tempo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email