Para que o mundo lea a Galicia

Categoría: Nova

Arredor de vinte editoriais galegas asistiron á Feira de Frankfurt, entre elas Editorial Galaxia. Unha das novidades foi a presentación do portal "readgalicia,com", elaborado pola Consellería de Cultura e Deportes en colaboración coa Asociación Galega de Editores.

Trátase, segundo se explica no propio portal, de "buscar lectores alén das nosas fronteiras", Unha literatura moderna afírmase tamén na súa proxeccion exterior. O libro galego estará presente tamén na feira de Guadalajara, de Bolonia, de Buenos Aires…, e a literatura galega será a literatura invitada na próxima edición da Feira do Libro de Cuba.

"Ler é sempre unha viaxe", explican os promotores do portal. "O pobo galego é un pobo viaxeiro. Un pobo que tende redes e que mira cara a dentro e cara a fóra. Así tamén a nosa literatura, os nosos libros, teñen afán de ser viaxeiros".

O portal "readgalicia.com" preséntase cunha pequena escolma de títulos que cada editora da AGE preparou para a ocasión entre as últimas novidades. Iso explica algunhas ausencias (moitos clásicos, por exemplo), mais como explican os responsables de "readgalicia.com" é o principio do camiño. Progresivamente se irán incorporando novos títulos ata completar os catálogos e dispoñer en rede dun corpus xeral da nosa literatura, con información de títulos e autores, noticias e iniciativas arredor do libro, en inglés e en galego, orientado todo á proxección exterior.

"Os libros que agora viaxan a través desta páxina son só unha primeira achega", explican os promotores do portal, "que irá medrando co tempo: unha morea de títulos aos que se sumarán máis e máis autores e autoras ate conformar un amplo corpus da nosa producción editorial. Esta primeira entrega é unha proposta das propias editoriais galegas que botaron un ollo aos seus últimos libros publicados e fixeron esta escolla para compartir co mundo enteiro. Esta web está aberta a recibir máis libros, para abrir pontes a través dun dos nosos máis prezados pasaportes: a lectura". Unha excelente iniciativa.

http://www.readgalicia.com/

Comparte nas túas redes sociais ou por email