Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) é unha das figuras sobranceiras da cultura e as letras galegas. A súa obra é extensa e variada: Poema do home que quixo vivir (1959), Profecía do mar (1966), Nin vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes… (1981), Simacima do voar tolo (1984), Himno verde (1992)… son algúns dos seus poemarios máis significativos. Recentemente, na colección Dombate de Editorial Galaxia, publicou Sen sombra e sen amor.
Como dramaturgo é autor de numerosas pezas: a policiaca Vinte mil pesos crime (1962), Sinfarainín contra don Perfeuito", publicada por primeira vez na revista GRIAL en 1975), Os burros que comen ouro (Premio Abrente de teatro, en Ribadavia, 1979), etc.
Para os lectores máis novos escribiu O león e o paxaro rebelde (1969), O gaiteiro e o rato Pérez (Premio Merlín, 1993), Xan Guidán, capitán (1991), Xan Guidán, mensaxeiro (1994), O quirico lambón (1997), entre outros títulos. Tamén traballou o ensaio (O futuro do teatro galego, 1968), e a investigou as raiceiras da literatura popular: Contos populares da provincia de Lugo (1963), con adaptacións moi interesantes como Cristo e San Pedro peregrinos (1994).
Na narrativa sobreae Fins do mundo (1974) e no ano 2006 obtivo o Premio Eixo Atlántico de novela por Protoevanxeo do neto de Herodes. Foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) creada no ano 1983.
Representantes desta asociación, xunto coas asociacións culturais do Morrazo e as primeiras autoridades das vilas de Moaña e Cangas, participaron na cea homenaxe e na serie de actividades que arredor da súa personalidade e da súa obra se están a programar estes días.