O ano vindeiro moito se vai falar, tamén, de O PRINCIPIÑO, o clásico de Antoine de Saint-Exupèry que tamén está en galego, e dende hai moitas décadas en tradución de Carlos Casares. Por iso dicimos que se vai falar moito desta obra, porque Carlos Casares, autor a quen a RAG dedica o Día das Letras Galegas 2017, foi, ademais, un coleccionista importante de edicións en todas as linguas deste clásico inmorrente.
Ao longo da súa vida atesourou unha cantidade impresionante de edicións deste libro que tan ben definía a súa personalidade creativa e soñadora.
Estes días está de novo de actualidade pola estrea, o pasado venres, dunha nova versión cinematográfica. De certo que estará moi ben pero, como di o clásico adagio, mellor o libro.