O pasado venres, a familia Dosil de Pontenafonso e directivos da Editorial Galaxia participaron no acto de presentación dun moderno autobús equipado coa máis alta tecnoloxía e que leva por nome o da Editorial Galaxia. Foi un acto que serviu para bautismar un vehículo de alta gama que demostra como dende a sociedade civil se pode, tamén, facer país. Autos Dosil ten, pois, entre un dos seus compromisos, a difusión da cultura galega e con este xesto afonda nesa idea tan necesaria para gabarnos do mellor de nós. De feito, a decisión da empresa de transportes de Pontenafonso de rotular o seu vehículo cun nome emblemático como é o da Editorial Galaxia non é unha novidade. Non en balde, xa puxera nomes de escritores galegos, como Rosalía, Añón ou Avilés, a outros autobuses, e noutros casos lembrou efemérides significativas en Galicia, como o aniversario da construción da Catedral de Santiago. A idea da empresa é, pois, contribuí, en definitica, ao espallamento da nosa cultura.
O vehículo, da marca Scania e con carrozaría Irizar i8 e do que só hai 7 unidades funcionando en todo o Estado, dispón de 59 prazas e dedicarase a rutas turísticas, á promoción do Camiño de Santiago e a viaxes de medio e longo percorrido.
O escritor e director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o director de produción, Xosé Soutullo, e o coordinador de novos proxectos e editor de infantil e xuvenil, Francisco Castro, asistiron á presentación deste vehículo. O director xeral significou que é unha honra para a editorial o que nun coche desta categoría figure o nome da editora, fundada, coma Autos Dosil, naquel especial 1950.
O acto desenvolveuse no pazo do Tambre e nese marco idílico, os irmáns Agustín, Domingo, María Digna, José e Josefa Dosil, así como Pepe Boisa, explicaron aos presentes as características do seu novo autobús. O xerente do recinto de hostalaría, Javier Furtado, sumouse ao acto, sorprendendo aos asistentes con algunha das súas exquisiteces culinarias.
No noso blogue deixamos completa crónica fotográfica da xornada.