A semana que vén celebraremos, o luns, o Día da Ilustración, un sector que a Editorial Galaxia apoia e pon en valor a través de publicacións ilustradas por profesionais do máis alto nivel.
Dende a editorial unímonos á efeméride celebrando tamén o aniversario do nacemento de Castelao, e facémolo dun xeito moi especial, recomendándovos algunhas das nosas últimas novidades, ilustradas por algúns das mellores ilustradoras do país:
Un ollo para ler, de Alicia Suárez, é un álbum ilustrado a toda cor, onde Suárez presenta ás lectoras e lectores, unha historia fermosa que ensina ás lectoras e lectores o verdadeiro propósito dos ollos. Un é para ler e outro é para imaxinar, soñar e viaxar.
En Un ollo para ler, a nosa protagonista, Noelia, descobre que unha casa con libros é unha fiestra aberta ao extraordinario.
Publicada na colección Sonárbore, Cambia o conto é unha proposta de Música Miúda que mestura o máis puro ritmo musical coa poesía visual do ilustrador Xosé Tomás, reinventando personaxes e contos tradicionais, para rachar cos estereotipos de xénero.
Deseñadas e soñadas a toda cor, estas obras están ateigadas de maxia e fantasía.
Enfocada á cativada, O cabaliño de buxo, ilustrada por Belén Rodríguez Pazo, está ambientada no mundo de aldea que impregna a obra de Xosé Neira Vilas. Ruliño, o protagonista, olla o mundo coa curiosidade dos nenos, tratando de comprender o porqué das cousas. Este libro, dedicado a Anisia, que ten os ollos de rapaza galega, reflicte a grandeza do pequeno, poñendo en valor a cultura propia.
Publicada na colección Árbore de Galaxia, Amiga lúa amigo mar, de Claudia Castro, ilustrada por Luz Beloso, é unha lectura recomendada a partir dos 10 anos. Estes versos, escritos entre a vila de Corme e o lugar de Penelas (Teo), son fillos do mar e da lúa da aldea da autora. Oníricos e comprometidos, os poemas que forman esta travesía invitan a pensar e deixarse levar polo talento da autora que, asegura no limiar do libro: coido que calquera motivo, circunstancia, territorio ou persoa pode ser alicerce dun poema, unha narración ou unha obra de arte.
Froito do noso compromiso co mundo creativo, dende Galaxia, en colaboración coa Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello da Estrada, impulsamos o Premio ‘Alberte Quiñoi’ de Álbum Ilustrado que este ano celebra a súa terceira edición. Todas e todos os interesados poden enviar os seus orixinais ata o 11 de febreiro. Podedes consultar as bases premendo aquí.
Celebremos, cada día, o inmenso talento que caracteriza ao noso país.