Naceu no barrio compostelán do Castiñeiriño o 30 de decembro de 1972. Dende nena adoraba ler, escribir e facer entrevistas, e por este motivo estudiou Xornalismo e Filoloxía Inglesa na USC e leva traballando no eido da comunicación dende 1995.
Na actualidade vive coa súa familia (Toño, Darío e Xulia) e os seus gatos (Traski e Filipín) en Penelas, unha fermosa aldea do concello de Teo con vistas ao Pico Sacro.
Boa parte do seu tempo transcorre en Corme, na costa da Morte, territorio de fonda pegada nos seus poemas dos últimos anos.
Conta con varios recoñecementos literarios pola súa obra poética, entre eles o Duck Fin, o María Mariño e o Xosé Manuel López Ardeiro.
En decembro de 2005 publicou o seu primeiro libro individual, Adagio para unha viaxe silente, e en 2018 viu a luz o segundo, Ser, corazón e boca, e o compositor Fernando Vázquez Arias vén de poñerlle música a catro poemas seus: Amor é mar, Corme, Camiño dos Faros e Azul.
Para ela, a poesía é unha maneira de entender a vida.