O martes 31 de xaneiro, celebrarase, ás 20 h, no Salón de Actos do Concello de Vilanova, a presentación do libro de Francisco Fernández del Riego, Lourenzá.
Participarán no acto, Rocío López García, alcaldesa de Lourenzá, Manuel Román Ramos, estudoso da obra de Del Riego e historiador; e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Nesta obra o autor rende tributo a súa benquerida terra natal. Como el mesmo afirma no limiar do libro, “é unha historia rememorativa a que vou reproducir nestas páxinas. Tento contar nelas o que teño aprendido sobre o pasado da vila na que nacín e me criei. Vivencias dos días alí decorridos. Impresións sobre a paisaxe, o ambiente do lugar”.
Don Paco comparte as súas lembranzas nesta obra que bota máis luz sobre a súa figura.
Neste 2023 a editorial Galaxia festexa, co gallo do día das letras galegas, a Francisco Fernandez del Riego, un dos nosos fundadores. Unha celebración que engloba máis dunha ducia de publicacións de obras da súa autoría ou dedicadas a súa inxente obra en prol da nosa cultura e do noso país.
Con todas estas obras e con algunha outra máis, editorial Galaxia pretende celebrar e reivindicar a este loitador incansable que foi unha figura fundamental da nosa cultura.