Nesta nova edición (a primeira foi en 1999), reprodúcese en cuberta un cadro do pintor arxentino Eduardo Sívori, cadro do que parte Manuel Rivas para escribir o relato "O espertar da criada", conto polo de agora inédito co que se abre o libro. En Ela, maldita alma, Manuel Rivas achega a súa ollada para descubrir o que hai detrás da realidade aparente. Cunha escritura que reclama atención para o que pasa desapercibido, as historias e os personaxes reviven co mesmo fulgor das experiencias novas.

No outro dos contos inéditos que inclúe esta edición, titulado "O misterio de Uz", Rivas sitúa os lectores nun partido de fútbol para, xogo dentro do xogo, poñer en cuestión a idea da identidade de xénero. O autor de ¿Que me queres amor? inverte os roles masculino e feminino, mestúraos e consegue darlles unha reviravolta para que se cheguen a percibir na súa realidade contraditoria. Velaí o tema do libro: as formas da alma nas que estes contos pescudan e nos que o sentido das cousas e dos feitos se debuxa por riba do aparente.

O xeito de Rivas é o de quen escribe para que, como dixo o filósofo Walter Benjamin, "cada conto sexa a porta estreita por onde puidese aparecer unha alma".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR