No pasamento de Avelino Abuín de Tembra

Categoría: Nova

Avelino Abuín de Tembra foi un importante galeguista vencellado desde os tempos máis escuros do franquismo á resistencia cultural a prol do noso país, tanto desde a presidencia nos derradeiros quince anos da Fundación Pedrón de Ouro, como desde o seu traballo na Fundación Castelao ou Rosalía de Castro. Galicia foi o centro das súas actividades, do seu traballo e da súa loita diaria.
Como estudoso, destacou polo seu traballo arredor da figura de Rosalía de Castro, á que dedicou diversas antoloxías.
Poeta, investigador e divulgador da música popular, é tamén un dos promotores dun dos certames literarios de máis prestixio de Galicia. O Modesto R. Figueiredo é, por dereito propio, un premio mítico na medida en que moitos dos máis importantes escritores e escritoras do sistema literario galego recibiron algún galardón desde aquela xa afastada primeira edición, no ano 1975 no que o primeiro premio era para Xoán Ignacio Taibo e os accésits para Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Manuel Martínez Oca e Carlos Durán.
Avelino Abuín de Tembra será hoxe incinerado no cemiterio de Boisaca.

Comparte nas túas redes sociais ou por email