Hoxe celebramos o Día Mundial dos Animais. Unha data que pon en valor o respecto a toda forma de vida e ás condicións dignas para todas as persoas que habitan o planeta.
Nun día coma hoxe, queremos destacar algunhas lecturas que celebran o amor polos animais:
COUSAS DA VIDA. ANIMAIS, de Castelao. Un clásico do autor rianxeiro por excelencia. Castelao pintou os animais non como son, senón como a el lle parecía que debían ser. Un verdadeiro tratado de filosofía popular, na que a burla e a picardía, elementos básicos do humor, atopan unha expresión feliz.
OS DEZ ANIMAIS, de Antón Cortizas, ilustrado por Lidia Nokonoko. Un libro ilustrado para as máis pequenas da casa. Cantos dedos tes nas man? Cóntaos ben e o saberás! E que mellor maneira de facelo que coa axuda duns animais que de camiño que os contas un conto che contarán.
NON DEIXAREI DE BUSCARTE. A HISTORIA DE QUIN, de Alicia Tojeiro Ríos, Esther Rey Oliveira e Antonio Fernández Amil. A través dunha lectura fluída e amena, esta lectura preséntanos o caso real de Quin, un fermoso can vítima do maltrato animal que oculta a sociedade frívola do mundo occidental desenvolvido. Un can adoptado na protectora de Lugo que, cando levaba seis meses coa súa nova familia, unha noite na que botaron fogos artificiais, escapou aterrado polo pánico que lle causan os estalos.
Un libro solidario dirixido a nenos e maiores para comprender os sufrimentos oscultos e ignorados das nosas mascotas, que son máis ca un xoguete.
PAPÓNS, Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, de Sandra Lodi. Pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta. Abre unha xanela á infancia, á natureza, ás tardes de verán en que o tempo parecía infinito, á capacidade de poder imaxinar e conectar, de verdade, coa contorna que nos rodea. Un apunte fundamental nun mundo cada vez máis tecnolóxico e mediatizado.
PIRATA PREGUNTA POR TI, de Ana María Fernández, ilustrado por Lili Algo. Unha historia sobre a perda e a lembranza, recomendada a partir dos 10 anos. Un sentido diario dunha nena ante a perda da súa avoa, no que celebra a vida e as lembranzas con ela, coa compaña do seu fantástico gato, Pirata.
O MEU AMIGO DO PARQUE, de Aurora Ruá, ilustrado por Mr. Danga. Álbum ilustrado que amosa a importancia dos animais nas nosas vidas. Moitas persoas gardan historias extraordinarias. Só hai que prestar atención e saber escoitalas. Unha obra que pon en valor a compañía e agarimo deses seres que son aliados incondicionais.
Publicado na colección Álbum de Galaxia, é unha lectura recomendada para cativos e maiores. As ilustracións acompañan un texto cheo de profundidade que fai que as lectoras e lectores poidan adentrarse nesta historia, facéndose preguntas dende o principio.