Publicado na colección Cociña, A carón do lume ofrece un monllo de receitas galegas, humildes e tradicionais, que pretende espertar un recordo, transmitir o sentir e a historia que vai de par de cada unha delas. Esas receitas que as avoas facían a carón da lareira, o centro das casas.
Este libro, inaugurado cun limiar do escritor Xavier Alcalá, é un agasallo de Mónica Prego (Pandebroa.es) para fillos e netos, para que no futuro poidan coñecer e entender algo máis daquel xeito de vida.
A carón do lume, na lareira, era onde antigamente se facía a vida; onde se cociñaba, onde se reunían os mozos a falar, onde se xogaban as partidas e onde se pasaban as longas noites de inverno.
Un repaso pola identidade culinaria do noso país.
Mónica Prego naceu en Mercurín (Ordes) en 1975, onde pasou a súa infancia coa súa nai, avós e bisavós, nunha contorna sinxela, pero chea de amor. Tras graduarse en Ciencias Económicas, traballou no estranxeiro durante varios anos e, ao regresar, e seguindo a súa paixón pola cociña, comezou a compartir receitas e contidos culinarios no seu blog Pandebroa, que compaxinaba co seu traballo. Cos anos, e tras un máster en Márketing Dixital, a divulgación de contidos culinarios acabou sendo a súa profesión.
O seu amor pola terra, os nosos costumes e tradicións, impulsárona a querer recuperar, conservar e transmitir moitas receitas tal e como as facía a súa avoa, como as viviu e da maneira máis tradicional e auténtica que sexa posible.
Podes seguila en redes en: @pandebroa.by.monikaprego