No 125 aniversario da Gran Dama da Novela Negra

Categoría: Nova

Tal día coma hoxe de hai 125 anos nacía Ágatha Cristie. A Editorial Galaxia ten dende hai anos no seu catálogo cinco das súas obras máis recoñecidas universalmente, entre outras, 'Asasinato no Orient Express' ou 'Dez negriños'. De feito, creamos a Biblioteca Ágatha Christie como adoitamos facer cos grandes clásicos da literatura.
Ano tras ano, comprobamos a fidelidade do público galego ás obras desta muller que soubo coma ninguén manexar as claves da intriga para obrigarnos a seguir lendo unha e outra páxina ata o final de cada caso. Á autora que criou, tamén, ao inesquecible Poirot.
A pesar da súa enorme popularidade, que en moitos casos fai que a crítica máis selecta adoite marxinar a quen goza de tanto éxito, no caso de Christie, a valoración dos expertos coincide co gran público e ninguén dubida da altura da súa escrita. Unha maneira de contar que mestura a linguaxe asequible con, sobre todo, uns esqueletes internos que sustentan a trama que resultan, sempre, canónicos.
Unha boa data, a de hoxe, para nos lembrar dela e recordar que tamén podemos gozala en galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email