A colección Árbore chega ao número 200

Categoría: Nova

Coa publicación de VIC E BOMBONA, de Sara Barreiro, a colección Árbore, na que se integran os libros destinados ao público infantil, chega ao seu número 200. Unha árbore, xa que logo, vizosa e chea de follas de papel coma froitos da imaxinación.
A colección Árbore é un selo estratéxico xa non só no catálogo editorial senón, sobre todo, na estrutura fundacional de Galaxia que, cando nace en 1950 coloca como un dos seus grandes obxectivos, coherente coa defensa innegociable da lingua galega, a formación de lectoras e lectores en galego. Por iso, os libros que entran na colección Árbore, para calquera dos seus tres chanzos de idade (as subcoleccións distinguen entre 8, 10 e 12 anos), teñen que se distinguir, primeiro de todo, pola súa alta calidade literaria. Velaí o requisito editorial primeiro: literatura de alta calidade e en galego.
Ao longo destes 200 libros, a colección apostou por nomes que hoxe son sobranceiros dentro da literatura infantil galega e internacional, sen deixar nunca de lado as traducións pois así como é importante darlle pulo ás creadoras e creadores do país, non o é menos ofrecer ao lectorado galego o mellor do que se escribe por fóra para estes niveis de idade.
Moitos dos libros publicados en Árbore son textos esenciais no sistema educativo galego. Ao longo do ano, son miles as alumnas e alumnos de primaria e incluso primeiros cursos da ESO que len os textos desta colección seleccionados polas súas profesoras e profesores.
Entre os libros máis exitosos desta colección atópanse textos ben coñecidos pola rapazada galega. Así, o máis vendido na historia de Árbore é TONECHO DE REBORDECHAO, de Breogán Riveiro, seguido do CHAMÁDEME SIMBAD de Francisco Castro e O PRINCIPIÑO de Antoine de Saint-Exupèry. Seguen nomes cruciais da Literatura Infantil galega coma Fina Casalderrey ou Xosé Neira Vilas.
Chegados ao 200, a Editorial Galaxia seguirá apostando, con todo o pulo posible, por esta colección que quere seguir nutrindo de fantasía e boas lecturas aos nenos e nenas de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email