As mulleres do monte

Categoría: Nova

Entre as novidades literarias deste outono que está a piques de comezar, a Editorial Galaxia publica o libro de José Antonio Gurriarán, AS MULLERES DO MONTE, un libro que é o resultado da busca de testemuños e documentos realizada durante varios anos polo autor, investigación que iniciou para completar as lembranzas da súa infancia no Barco de Valdeorras, onde eran frecuentes os enfrontamentos entre forzas policiais e guerrilleiros, popularmente coñecidos como fuxidos ou "os do monte". O autor descubriu dese xeito o importante papel das mulleres no maquis, fornecendo refuxio e apoio aos fuxidos. Moitas desas mulleres levaban practicamente o peso do Servicio de Información da República. Foi o caso de Paquina Nieto, por cuxa froitería pasaban gran parte das mensaxes secretas dos fuxidos; de Matilde Franco, de Cacabelos, moi hábil para obter información sobre as operacións antiguerrilla dos seus "amigos" do cuartel da Garda Civil. Mais só as mulleres que foron torturadas, ou estaban ameazadas de morte, foron autorizadas a unirse aos do monte como guerrilleiras.
José Antonio Gurriarán naceu no Barco de Valdeorras, onde a súa infancia e primeira mocidade e onde se iniciou como xornalista con colaboracións esporádicas na emisora comarcal Ondas del Sil. Logo de cursar periodismo en Madrid, traballou en diversos xornais, axencias de prensa, radios e revistas, sendo enviado especial en acontecementos internacionais, como a cobertura informativa do asasinato de Kennedy. Dirixiu o Diario Montañés de Santander e, de volta a Madrid, foi redactor xefe, subdirector e director de Pueblo. En 1969 ingresou en TVE, onde dirixiu os telexornais de fin de semana. Despois de oito anos de correspondente de TVE en Lisboa, creou e dirixiu a segunda canle de Canal Sur. Entre outros títulos, é autor dos libros ¿Caerá Allende?, El ocaso del general, Armenios, el genocidio olvidado e La bomba (1980), no que conta o grave atentado con goma-2 que sufriu na Gran Vía madrileña. En 2015, este último foi adaptado ao cinema polo director francés Robert Guediguian co título Une histoire de fou.

Comparte nas túas redes sociais ou por email