Miguel Barros lee a primeira tese sobre Ramón Piñeiro en Compostela

Categoría: Nova

Presidiu o tribunal o profesor Ramón Villares, coa participación dos profesores Miguel Caminal, da Universidade de Barcelona, Arximiro Rojo, da Universidade de Vigo, Luis García Soto e Xosé Luis Barreiro Rivas, estes últimos da Universidade de Santiago.
Rodeado de numerosos amigos, estudosos e interesados na obra de Ramón Piñeiro. O profesor Miguel Barros presentou o pensamento de Ramón Piñeiro enmarcado no proceso político do galeguismo que se reconfigura despois de 1945, logo das experiencias traumáticas da guerra civil española e a Segunda Guerra Mundial. Un estudo de arredor de mil páxinas, baixo a dirección do catedrático Ramón Maiz, que recupera textos, documentos inéditos e publicados do autor de Láncara, "cos que pretendo situar a obra do filósofo no contorno na construcción da resistencia galeguista, deitando unha nova ollada sobre o nacionalismo despois da experiencia da Segunda República".
Dalgunha maneira se inaugura deste xeito o Ano Ramón Piñeiro, pois a Real Academia Galega dedica á súa persoa o Día das Letras Galegas 2009.
Miguel Barros fala de "revisionismo nacionalista" para concretar as teses do autor, un dos fundadores de Editorial Galaxia en 1950. "A editorial Galaxia", en palabras do novo doctor, "foi unha estratexia intelixente e posible, meditada e eficacísima para resistir e planificar o futuro dunha Galicia nova, dona de seu, moderna".
Houbo matizacións e observacións atinadas que, sen dúbida, anuncian o debate que nos próximos meses deberá formalizarse arredor da significación da obra e a personalidade Ramón Piñeiro, a quen Miguel Barros considera o principal motor dunha nova lectura do galeguismo e da política galeguista, símbolo de toda unha xeración: as Mocidades Galeguistas, que asumiron a iniciativa da identidade do país despois da guerra civil.
Nos próximos meses. Editorial Galaxia publicará na súa colección ENSAIO a obra de Miguel Barros, que se presentou título provisional de "Ramón Piñeiro, o Partido Galeguista e o revisionismo nacionalista".

Comparte nas túas redes sociais ou por email