María López Sández ingresa como membro de número da Real Academia Galega

Categoría: Nova

O Círculo das Artes de Lugo acollerá este sábado a sesión extraordinaria pública da Real Academia Galega na que María López Sández (1973) ingresará como membro de número da institución. A filóloga e escritora pronunciará na súa cidade natal o discurso titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego.

María López Sández ocupará a vacante producida en novembro de 2021 polo pasamento de Darío Xohán Cabana.

Figura poliédrica, é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela, licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa; Catedrática en excedencia na ensinanza secundaria.

O seu labor de investigadora centrouse na relación da literatura galega co imaxinario paisaxístico e co espazo urbano, no estudo da cartografía como semiótica do espazo. Co traballo titulado Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio obtivo o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007.

No 2012 resultou gañadora da VI edición do Premio de Narrativa Breve Repsol coa novela A forma das nubes, publicado por Galaxia no mes de novembro do ano 2012.

Como creadora literaria publicou libros como O faro escuro (Editorial Galaxia, 2015), finalista do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, A noite da Deusa (Editorial Galaxia, 2020), finalista do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; e Illados. Diario da pandemia (Editorial Galaxia, 2020).

O seu compromiso feminista maniféstase en libros como o colectivo Libres e vivas (Editorial Galaxia, 2021), ou Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, (Editorial Galaxia, 2021), no que é coautora xunto con Marilar Aleixandre; exerce como coordinadora da sección O espello das letras da revista Grial.

©Fotografía: Miguel Muñiz.

Comparte nas túas redes sociais ou por email