Presentación de “O home que matou a Antía Morgade”, en Vigo

Categoría: Nova

O venres 10 de marzo, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría de El Corte Inglés de Vigo, a presentación de O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales.

Acompañando a autora, estarán a escritora e crítica literaria, Inma López Silva, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Unha das principais voces da escena ‘noir’ do país, volve a sorprendernos cunha nova entrega, ateigada de intriga e misterio. A través dun ritmo fulgurante, a autora compón unha historia impecable, na que Santiago de Compostela volve a ser a cidade protagonista. Unha obra que atrapará, como de costume, a todas as persoas que se mergullen na súa lectura.

O home que matou a Antía Morgade, presenta o reencontro, despois de vinte anos, de seis amigos que se reúnen a cear, un 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. Baixo o estrondo dos brindes e dos fogos artificiais, un disparo remata coa vida dun deles.

O inspector Santiago Abad e a subinspectora Ana Barroso terán que enfrontarse a este crime nunha nova e apaixonante investigación, e todo apunta a que é, no pasado común deses comensais, onde se atopa a chave da súa resolución. Un tempo adolescente en que eses seis amigos compartían un piso de menores tutelado e onde aconteceu unha traxedia que marcou a todos para sempre: a morte da súa compañeira Antía Morgade.

Nunha carreira contra o reloxo, Abad e Barroso deberán dar o mellor deles para evitar un novo asasinato entre un mar de mentiras, segredos e desconfianzas.

O talento de Portabales impregna esta lectura imprescindible, froito do imaxinario dunha das escritoras máis aclamadas da novela galega contemporánea.

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) iníciase como escritora no ano 2015 cun libro de microrrelatos en castelán, A Celeste la compré en un rastrillo.

Ese mesmo ano, coa súa primeira obra en galego, Sobrevivindo (Galaxia), acada o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. A súa segunda novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia, 2017), foi traducida para o castelán, o italiano, o hebreo e o alemán, adaptada ao teatro e obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago. Beleza vermella (Galaxia, 2019), un dos títulos máis lidos da novela policial galega, acadou o Premio Frei Martín Sarmiento e está protagonizada polo inspector Abad e a subinspectora Barroso, que en 2021 volven ser os personaxes centrais de A vida secreta de Úrsula Bas. En 2020, publicou o libro de relatos ilustrado Historias de mentes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email