Ciencia, historia, alimentación, neurociencia ou o mundo mariño. A colección Lanterna de Aristóteles achega libros para achegar coñecemento: facerse preguntas e comprender mellor aquilo que nos rodea.
Por que comemos? Como funciona o noso cerebro? Cantas especies habitan os océanos? Que historias agocha o noso pasado?
A curiosidade é o punto de partida de Lanterna de Aristóteles, unha das coleccións de divulgación de Galaxia.
En Cerebro en modo ON, a neurocientífica Sonia Villapol, con ilustracións de Diego Estebo, achéganos ao funcionamento do cerebro e a cuestións como as emocións, a aprendizaxe, a memoria, os soños ou a saúde mental. Un libro que tende unha ponte entre ciencia e educación e que explica tamén como as experiencias, os hábitos ou a relación entre cerebro, intestino e microbiota inflúen neste órgano extraordinario.
A comida é a protagonista de Por que comemos?, a nova obra de Xosé Cermeño. Partindo dunha necesidade biolóxica, o autor percorre tamén a dimensión cultural, social, histórica e simbólica da alimentación. Porque arredor dunha mesa compartimos, celebramos e construímos vínculos.
O mar abre outro territorio para a curiosidade. En Un mar de preguntas e Un mar de curiosidades (que chegará proximamente aos almacéns de Galaxia), Javier García Galdo propón descubrir o mundo mariño a través da ciencia, das preguntas e das historias que fomos construíndo arredor do océano.
Para que serve unha balea? Cantas especies viven nos mares? Existen unicornios mariños? Os peixes poden cantar? Hai ondas cadradas? As ilustracións de Roque Araújo Rey acompañan dous libros que convidan a coñecer o noso océano.
A curiosidade pode dirixirse cara á nosa propia historia en libros como Unha historia de Nós, de Pablo Diego Dios, con ilustracións de Agustina Shuan. Unha das novidades que agardamos neste mes de setembro, ofrécenos un percorrido polos episodios e figuras extraordinarias da historia de Galicia; Nel fálase do primeiro reino de Europa, a primeira escritora de Occidente, das revoltas populares, aneis máxicos, raíñas, guerreiros e mulleres que atravesaron océanos.
Se tedes curiosidade por saber máis, nas redes sorteamos unha selección de títulos esta fermosa colección!