Lecturas recomendadas no Mes Internacional das Bibliotecas Escolares

Categoría: Nova

Outubro é o Mes Internacional das Bibliotecas Escolares, unha ocasión para poñer en valor estes espazos de encontro coa lectura e o traballo de quen acompaña o alumnado no descubrimento dos libros.

Desde Galaxia, sumámonos a esta celebración compartindo o catálogo do plan lector de infantil e primaria para o curso 2026–2027 e algunhas das nosas últimas novidades infantís. 

Nenapingüín, de Miki Momochi e Daniel Landesa, recibiu o VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro 2025. Unha invitación a deixarse sorprender pola lectura e a preguntarse que pode acontecer cando algo inesperado transforma o cotián.

En Folerpas no mar, de María Xesús Blanco, con ilustracións de Sheila Broullón, acompañamos a Zahi durante unhas vacacións de decembro na aldea de Buxaina. Na casa dos avós, coa cadela Furna e baixo unha intensa nevarada, vive aventuras e emocións inesperadas. 

Vida en rede, de Ana Rodicio Vila, con ilustracións de Alba Chan, achéganos a Serxio, a quen non lle gusta posar para as redes sociais da súa nai nin que o seu pai pase as noites co móbil en vez de xogar con el. O que parecía unha tarde co seu videoxogo preferido acaba por poñelo a proba. Unha lectura desde a que abordar a presenza das pantallas na vida cotiá e o tempo que compartimos coas demais persoas.

Tres historias para descubrir, ler e comentar nas bibliotecas escolares. Para continuar escollendo lecturas para este curso, o catálogo do plan lector de Galaxia está dispoñible para consulta e descarga na nosa web.

Consulta o catálogo do plan lector de infantil e primaria 2026–2027.

Comparte nas túas redes sociais ou por email