“Paio e o Gatipedro”: unha historia para descubrir o folclore galego en familia

Categoría: Nova

A obra de Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado, gañadora do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, chegará proximamente ás librarías.

Paio esperta coa cama mollada. O avó, a avoa e a súa irmá bótanlle a culpa, pero el teno moi claro… foi o Gatipedro, unha criatura con corpo de gato, lingua longa e un corno de auga!

Así comeza Paio e o Gatipedro, a novidade editorial que recupera unha figura do folclore galego para achegala ás lectoras e lectores máis pequenos. Con texto de Milagros Torrado Cespón e ilustracións de Laura Pérez Delgado, o álbum rescata elementos da tradición oral nunha historia tenra, na que a imaxinación e os afectos teñen un lugar central.

A obra foi escollida por unanimidade como gañadora do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi. O xurado destacou a súa capacidade para poñer no centro o folclore galego, cunha linguaxe propia e unha historia envolta nun mundo de ensoñación. Salientou tamén a estética coidada e a excelente paleta de cor, nunha proposta na que texto e imaxe camiñan da man.

Pensado para compartir en familia, Paio e o Gatipedro convida a acompañar o seu protagonista na súa procura e a descubrir, a través da lectura, unha das criaturas da nosa tradición.

Milagros Torrado Cespón (Boiro, 1983) é escritora, docente e investigadora, autora de diversos traballos sobre a cultura, o folclore e a tradición oral galega. É unha das fundadoras da Asociación Cultural Barbantia e cofundadora de BarbanTEA.

Laura Pérez Delgado (Madrid, 1987) é ilustradora, con formación en gravado, deseño gráfico e educación infantil. Na actualidade traballa como libreira en Boiro. Ambas colaboraron tamén en Vítor é autista, escrito por Milagros Torrado Cespón e Rosa Araújo e ilustrado por Laura Pérez Delgado.

Comparte nas túas redes sociais ou por email