A filosofía leva séculos formulando as preguntas máis difíciles, pero tamén as máis necesarias. Nun presente atravesado pola intelixencia artificial, a crise ecolóxica, o exceso de información e a transformación das nosas formas de vida, Abraham Rubín Álvarez e Brais González Arribas convidan a deterse, pensar e mirar a realidade desde outras perspectivas.
En Por que a filosofía? Chegar a ser quen se é, os autores propoñen un percorrido rigoroso e accesible polos grandes problemas do pensamento contemporáneo, reivindicando a filosofía como unha ferramenta para interrogarnos sobre o mundo que habitamos e sobre nós mesmos.
Porque filosofar non consiste simplemente en acumular respostas. Consiste, sobre todo, en aprender a facer preguntas, cuestionar aquilo que damos por sentado e mirar a realidade doutro xeito. Quizais esa sexa tamén unha das maneiras de chegar a ser quen somos.
O venres 16 de outubro, ás 19:30 h, a libraría Tanco, en Ourense, acollerá a presentación de Por que a filosofía?.
No encontro participarán os autores, Abraham Rubín Álvarez e Brais González Arribas, acompañados por Antonio Fernández Seoane, profesor de filosofía de ensino secundario.