O venres 2 de outubro, celebrarase, ás 20 h, no MARCO de Vigo, un encontro arredor de Lovers. Unha viaxe literaria polas emocións humanas, de María Xosé Porteiro e Alberto Avendaño, organizada polo Club Faro de Vigo.
Acompañando os autores, estarán Marcos Calveiro, director de Editorial Galaxia; e Malores Villanueva, crítica literaria, escritora.
Amor, desamor, tensión, paixón, encontros e desencontros conviven nas páxinas de Lovers, a obra de Alberto Avendaño e María Xosé Porteiro, unha proposta literaria onde as emocións ocupan todo o espazo.
A través dun home e dunha muller, que poden ser tamén a mesma persoa en distintas etapas da vida ou da súa emocionalidade; a obra convida a explorar as luces e sombras das relacións afectivas. Os protagonistas poñen sobre a mesa as prendas do seu amor para descubrir tanto os seus gozos como as súas carencias.
Con humor, intensidade e unha fonda reflexión sobre os vínculos humanos, Lovers constrúe un percorrido por diferentes escenarios, desde Vigo e Santiago de Compostela ata Amsterdam, Buenos Aires, Nova York, Milán, Londres ou Washington. Unha xeografía vital na que se suceden encontros, despedidas e momentos que revelan a complexidade de vivir co corazón nas mans.