Le o primeiro capítulo do novo libro de Francisco Castro

Categoría: Nova

Xa podedes ler o primeiro capítulo de O cemiterio de barcos, de Francisco Castro, premendo aquí.
O escritor Francisco Castro preséntanos unha historia luminosa de amor e amizade contra a violencia en todas as súas expresións.
Esta novela de aventuras e misterio, publicada na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia, atrapá ás lectoras e lectores de todas as idades dende a primeira páxina. Animádevos a ler o primeiro capítulo e entrade de cheo nesta alfaia da escrita, que sae publicada nas catro linguas oficias do Estado Español.
O cemiterio de barcos é unha novela sobre a dignidade e fronte a calquera clase de abuso, e unha alegación en contra da violencia machista.
Francisco Castro (Vigo, 1966) director xeral da Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spamque publica Galaxia. En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica ‘O ceo dos afogados’ que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de ‘Chamádeme Simbad’ (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e ‘O segredo de Marco Polo’ (2010). En 2013 resultou gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra ‘O corazón da Branca de Neve’ e, en 2014, publicou a novela xuvenil ‘Tes ata as 10’, obra que recibiría o Premio Frei Martín Sarmiento en 2016. En 2018 entrou a formar parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.  

Comparte nas túas redes sociais ou por email