O venres 17 de setembro, celebrarase, ás 21.00 h, no Auditorio Municipal de Ourense, a estrea da obra teatral Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro.
Baseada no libro de Begoña Caamaño, publicado na Editorial Galaxia, a edición e dirección corre a cargo de Ánxeles Cuña Bóveda.
Esta é unha novela que recibiu recoñecementos como o Premio da Crítica Española ao Mellor Libro de Narrativa 2012, Premio ao Mellor Libro de Ficción para a Asociación Galega de Editores 2012, Premio Antón Losada Diéguez 2012, ou o Premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega ao Mellor Libro de Narrativa 2012.
A escritora conseguiu, neste texto, propoñer unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda; ofrecendo ao público lector unha novela que reescribe o mito cunha ollada contemporánea.
Morgana en Esmelle é unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos.
Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente?
Unha creación fundamental que, o venres, será estreada no mundo teatral. Un feito que honra o gran legado que deixou esta escritora en Galicia