Este mércores 15 de setembro, a Escola de Letras, da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, retoma a súa actividade achegando a palabra ás alumnas e alumnos, na cidade de Vigo.
Neste caso, o Obradoiro Literario: Escribir unha novela, impartido pola docente Anna R. Figueiredo, celebrarase, en Vigo, os días 15, 22 e 29 de setembro; 6, 13, 20 e 27 de outubro; 3 de novembro.
Acompañando a docente, xunto a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada de Cultura e Igualdade, Victoria Alonso Méndez; a deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias González, presentará o obradoiro Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia e da Escola de Letras.
Anna R. Figueiredo, naceu en 1979 en Ourense. É doutora en física pola Universidade de Sheffield e leva traballando no ensino galego desde o 2019. A docencia é un xeito de ver a vida que considera nos conecta coa evolución das novas xeracións e dá unha perspectiva diferente do cotiá. Porén a súa actividade docente céntrase máis nas materias relacionadas coa matemática e coa física.
Ten colaborado en publicacións xornalísticas con artigos de opinión relacionados coa literatura e coa docencia. Entende que o pensamento racional precisa da creación para poder avanzar e por iso emprega a literatura como canle comunicadora para entender e representar o mundo, na constante dúbida que enxerga o propio proceso de diálogo. Unha teima e necesidade constate de creación e investigación que nunca abandona. Deste xeito ten participado activamente en obradoiros de innovación docente e de creación e proxección cultural como o FLIV20 (Festival virtual da literatura galega- creadora xunto con Nacho Alonso de Fervenzas literarias) e asociacións a prol da cultura e creación literaria como a AELG (Asociación de escritoras e escritores en lingua galega) da que é vicepresidenta.
A súa primeira novela Os bicos feridos, obtivo o I premio Viadutos de novela no 2018. Desde entón ten publicada a proposta divulgativa A historia cóntana as vencedoras (2019) e ten participado no libro de relatos colectivo O libro dos trens (2020). Obtivo tamén premios como o de Relato Curto de Mugardos (2014), o Quintal Literario (2014) ou o de Relato Curto Inspiraciencia (2014). Asemade ten guionizado banda deseñada para publicacións como BOOM ou BDBanda.