Nós TV estrea, este sábado, “Eu son Balbino!”

Categoría: Nova

Sesenta anos despois da súa publicación, Memorias dun neno labrego, a obra mestra de Xosé Neira Vilas, segue a ser, ademais dun clásico universal, un dos libros máis editados e traducidos da nosa literatura.
Por que é tan especial? Que segredos e verdades habitan entre as súas páxinas? Continúa presente a forza da lingua, do rural e da infancia?
Para dar resposta a estas preguntas, o equipo de Nós Televisión botouse á estrada para elaborar unha viaxe con paradas na infancia labrega a través dunha escola do rural, na efervescencia editorial galega e na imprescindíbel forza da nosa cultura e da nosa lingua. Froito desa viaxe nace a reportaxe ‘Eu son Balbino! 60 anos de Memorias dun neno labrego‘ que se estreará en Nós Televisión este sábado ás 12 horas a través da canle de youtube.
 
O autor, plasmou neste libro o sentir de Balbino, un rapaz de aldea que emprega o seu caderno para contar o que lle acontece e o que sente. Enmarcado nun tempo caracterizado pola emigración e a miseria, este título é moito máis ca un libro, é unha obra que conta a Galicia do século XX e a realidade de multitude de persoas que se senten identificadas con Balbino e coa súa historia.
O noso pequeno protagonista conta, a través da súa visión particular, a realidade dunha Galicia azoutada pola fame, o traballo escravo e a emigración. Verbas que trasladan aos lectores á realidade dunha época dende os ollos dun neno que ten o peto cheo de soños.
Non perdades a oportunidade de ver este fabuloso documental!

Comparte nas túas redes sociais ou por email