JEAN-PHILIPPE TOUSSAINT EN GALICIA

Categoría: Nova

Toussaint, un dos narradores franceses de meirande prestixio e sucesor literario do Nouveau Roman, chega a Santiago de Compostela o mércores, día 6 de febreiro, data na que se vai desenvolver un encontro con escritores galegos.

Ao outro día, xoves 7, farase a presentación da novela Fuxir, publicada na colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, ás 20 horas no Casino de Santiago e o venres, día 8, Toussaint, acompañado por Xavier Queipo, vogal de relacións internacionais da AELG, vai visitar a sede de Editorial Galaxia en Vigo, onde está previsto que se reúna cos medios de comunicación.

A presentación de Fuxir, novela coa que Jean-Philippe Toussaint obtivo o prestixioso Premio Médicis en 2005, correrá a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Néstor Rego, concelleiro de cultura do concello de Santiago, que colabora na edición da Biblioteca Compostela, Víctor Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia, e do propio autor. Fuxir, traducida para o galego por Carmen e Dolores Torres París, é unha novela marcada pola experiencia cinematográfica do seu autor, que tamén é director de cinema. Os escenarios do libro son as cidades chinesas de Shanghai e Pequín e a mediterránea illa de Elba.

O abraiante contraste entre a China contemporánea, próxima e urbana, e unha Europa esquecida, sorprendentemente afastada e primitiva, marcan o desenvolvemento vertixinoso dunha acción novelesca en perpetuo movemento. A novela de Jean-Philippe Toussaint pescuda, cun extraordinario control expresivo que agudiza a intensidade do narrado, na estrañeza do amor e na familiaridade da morte nun mundo no que todo cambia pero ao mesmo tempo todo permanece inmutable. Fuxir explora as aparentes contradiccións dunha sociedade que venera a velocidade pero lle ten pavor á fugacidade da vida, unha sociedade que, se cadra, coma o protagonista da novela, quere fuxir do que non se pode fuxir, de si mesma.

JEAN-PHILIPPE TOUSSAINT (Bruxelas, 1957) é escritor e director de cinema. Autor de nove novelas todas publicadas por Éditions de Minuit, a editorial francesa que publica a Samuel Beckett e que editou as principais obras do Nouveau Roman durante a década de 1960, unha das casas de edición con maior prestixio de europa. Entre as súas novelas destacan La Salle de bain (1985), L'appareil-photo (1988) e La Télévision (Éditions de Minuit, 1997). Con Fuxir obtivo o Premio Médicis de novela francesa en 2005.

Comparte nas túas redes sociais ou por email