Encontros con Jean-Philippe Toussaint

Categoría: Nova

"Debo recoñecer, con certa vergonza, que o primeiro que fixen cando me dixeron que ía ser traducido ao galego, foi procurar un atlas e ver onde estaba Galicia", comentou o escritor durante a presentación do seu libro, no casino de Santiago. "A tradución é un fermoso camiño de ida e volta, que nos comunica cos outros, que abre portas. Os escritores europeos temos interese en que se nos coñeza en Galicia e en todas partes, pero para os escritores galegos este tamén pode ser un camiño de proxección cara ao exterior. Eu non sabía que a literatura en lingua galega existise e fose tan variada, tan rica".

O primeiro encontro celebrouse na Asociación de Escritores en Lingua Galega. O segundo, no casino de Santiago, onde Editorial Galaxia presentou Fuxir e o autor francés conversou con amigos, lectores, xornalistas e escritores. Participaron no acto o concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e o escritor Xavier Queipo, que leu algúns parágrafos do libro e deu entrada á intervención de Toussaint.

Entre o numeroso público asistente, que enchía o Casino, estaban amigos e escritores como Rebeca Baceiredo, Bieito Iglesias, Anxos Sumai, Xesús Constela, Antón Lopo, Xosé Monteagudo, Diego Ameixeiras, etc.

A novela de Jean-Philippe Toussaint, que moitos autores sitúan na tradición do "nouveau roman", é unha metáfora do cambio e da velocidade, tamén do amor, e das contradicións aparentes entre distintos niveis de cultura e de civilización, concibida coa axilidade e a visibilidade dun guión cinematográfico.

"Eu fago cine", explicou o novelista. "Mesmo podería dicir que escribo cos ollos de quen ve o mundo a través de imaxes cinematográficas, aínda que logo me atope moi a gusto coas palabras. En sendo moi novo lin un comentario de Truffaut no que aconsellaba aos mozos que, se querían facer cine, antes de poñerse coa primeira película, intentasen escribir unha historia, escribir un libro. Foi o que eu fixen. E debo dicir que fiquei enganchado nos libros".

Cine e literatura son unha constante na conversa con Toussaint, que viaxa entre estes dous mundos sen querer renunciar a ningún. A cuberta da novela galega foi elaborada a partir dunha imaxe que o propio novelista fixo na China, onde viviu máis de tres meses, e onde naceu Fuxir. Entre China e o Mediterráneo transcurre esta historia de amor e de búsquedas persoais, que mereceu o Premio Médicis, un dos grandes premios literarios europeos, no ano 2005.

Comparte nas túas redes sociais ou por email