Especialista en lingua e literaturas latinas, era considerado un dos grandes medievalistas europeos. Nacera na vila de Mugardos, na Coruña, no ano 1925. Iniciou a súa actividade docente universitaria primeiro en Valencia e logo en Salamanca, para instalarse despois na Universidade de Santiago de Compostela (1968), onde desenvolveu unha importante escola de latinistas.
Entre outros recoñecementos foi correspondente da Academia das Ciencias de Lisboa; doutor honoris causa pola Universidade Clásica desa mesma cidade, ademais de Salamanca e Coimbra; Medalla de Ouro ao mérito docente da Orde de Afonso X; Premio Nacional de Investigación Humanística e Científico-Social Ramón Menéndez Pidal (1997), Premio Internacional Compostela-Xunta de Galicia, etc. En 2001 foi elixido profesor emérito da universidade galega onde desenvolveu a meirande parte da súa docencia e foi nomeado primeiro presidente da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia.
A súa obra como investigador centrouse no estudo da latinidade medieval, con especial atención aos textos da área cultural galego-portuguesa e do occidente da península. Neste ámbito é recoñecido coma un dos grandes mestres. Entre os seus títulos ou liñas de investigación salientan ì]Index scriptorum latinorum medii aeui hispanorum (1959) e a súa Antología del latín vulgar, obras de obrigada referencia na súa especialidade. En 1985 publicou Visiones del Más allá en Galicia durante la alta Edad Media.
En Editorial Galaxia, Manuel Díaz dirixiu durante anos a colección Clásicos en Galego, que naceu en …, en colaboración coa Xunta de Galicia, co obxectivo de presentar en lingua galega coidadas traducións dos grandes autores da cultura grega e latina. Esta colección reúne na actualidade títulos tan significativos como as Metamorfoses de Ovidio, a Consolación da Filosofía de Boecio, A conxuración de Catilina e A guerra de Iugurta de Salustio, As Nubes de Aristófanes, A Sogra e Os Irmáns de Terencio, Epigramas de Marcial, Aulularia de Plauto, Satiricón de Petronio, a Poesía Bucólica de Virxilio, Dafnis e Cloe de Longo, Sobre a vellez e Sobre a amizade de Cicerón, O asno de ouro de Apuleyo, Diálogo de Deuses e Diálogo de Prostitutas de Luciano de Samosata, Áijax e Electra de Sófocles, Carmina Burana, etc.
Foi colaborador destacado da revista GRIAL. Unha das súas últimas achegas pode atopala o lector no número 161, que dedicamos á "Invención de Santiago", arredor do mundo do Apóstolo e a significación cultural, histórica e política do culto xacobeo. O artigo do profesor Díaz titúlase, "Xacobe en Compostela, primeiros testemuños literarios".