Hoxe celebramos o Día das Escritoras

Categoría: Nova

Hoxe é o Día das Escritoras, unha conmemoración internacional que busca recuperar o legado das autoras e facer visible o seu traballo. Está é uha celebración que loita por visibilizar o papel das autoras no ámbito da literatura e combater a discriminación histórica.
A literatura escrita por mulleres pon, en moitas ocasións, o foco nas desigualdades e violencias que atravesan ao xénero. Unha xanela a través da que o xénero feminino pode falar, con voz propia, das súas propias preocupacións e experiencias, ofrecendo historias propias, que fuxen dun punto de vista patriarcal, nas que outras mulleres e outros homes poden apoiarse, gozando de perspectivas distintintas e completamente necesarias para o imaxinario persoal e colectivo.
A realidade actual que goza a literatura é o resultado da loita incansable de moitas mulleres que se viron obrigadas a superar moitos obstáculos, entre os que se atopaba o propio feito de ser muller; chegando a ter que escribir baixo pseudónimos de homes para ser tomadas en serio. Un suceso doloroso que amosa como se truncaron moitas carreiras de autoras cheas de talento e a doutras que non puideron desenvolver todo o seu potencial. Unhas aspiracións que eran impensables na época.
Dende Galaxia, queremos celebrar esta data tan necesaria, mostrando algunhas das nosas novidades, entre as que destacan Incesante vagalume, de Ana María Fernández, publicada na colección Costa Oeste de Galaxia. Unha obra que chega ao noso catálogo, coma o paradoxo dun soño, onírico e inspirador, dirixido a todas as rapazas e rapaces que queiran acceder ao fabuloso mundo da autora.
Na mesma colección, Esta noite hei de ir a verte, de Beatriz G. Turnes, unha novela xuvenil de misterio na que as máis novas poderán desfrutar das aventuras dunha mestra nunha parroquia rural, Sabela que, en 1964, chega a Brandeira. Alí atopa, non só os veciños e o alumnado que agardaba, senón tamén unha casa misteriosa onde se ven estrañas luces e unha alumna inquietante. No seu intento por desvelar os segredos que ambas agochan, Sabela irá descubrindo o pasado recente de Brandeira, que deixou feridas aínda sen cicatrizar, e irá reflexionando sobre o ensino, a lingua galega, a situación da muller ou a guerra e as súas consecuencias sobre a vida das persoas.
Traducido por Clara Bao Rivas e Tania Carril, O xardín secreto, de Frances Hodgson Burnett, é un Clásico Universal da literatura xuvenil no que a fantasía, misterio e moita imaxinación, son os puntos clave do libro.
Frances Hodgson Burnett comparte, nesta obra, a historia de Mary Lennox, unha rapaza consentida que, tras a morte dos seus pais na India a causa dunha epidemia de cólera, vai vivir co seu tío Archibald Craven viúvo e cun fillo enfermo, xunto coa estrita ama de chaves Medlock. Un ambiente sobrio que contrasta coa vida de capricho á que a rapaza estaba afeita.
Pero todo cambia para ela cuns novos amigos cando descobren un xardín que permanecía oculto, á vez que atopan unha incrible maxia, que cambiará os seus destinos para sempre.
Son moitos os nomes das autoras que enriquecen a nosa literatura, ampliando o horizonte de pensamento do público xeral. Un tesouro que prende unha candea cara ao camiño da liberdade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email