“Memorias dun neno labrego” será traducido ao inglés por Small Stations Press

Categoría: Nova

Memorias dun neno labrego, a obra mestra de Xosé Neira Vilas, que este 2021 cumpriu 60 anos desde a súa publicación en Bos Aires, será traducido ao inglés pola editorial Small Stations Press.
Baixo o título de Memoirs of a Village Boy, en tradución de John Rutherford, profesor da Universidade de Oxford e fundador do primeiro Centro de Estudos Galegos no Reino Unido; este clásico universal, que é un dos libros máis lidos e traducidos da historia literaria galega, atopa unha nova xanela no exterior, achegando a historia do pobo galego a todo o mundo.
Este é o primeiro título da colección Galician Classics da editorial Small Stations Press, que a partir do 20 de decembro chegará a todas as librarías do Reino Unido.
O autor plasmou neste libro o sentir de Balbino, un rapaz de aldea que emprega o seu caderno para contar o que lle acontece e o que sente. Enmarcado nun tempo caracterizado pola emigración e a miseria, este título é moito máis ca un libro, é unha obra que conta a Galicia do século XX e a realidade de multitude de persoas que se senten identificadas con Balbino e coa súa historia.
Xosé Neira Vilas é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace este libro que vai tocando nas portas de lectoras e lectores de todo o mundo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email