Hoxe presentamos, na sala Rosalía da Deputación de Pontevedra, en Vigo, Polos vieiros do Fabulador. Cunqueiro e Pontevedra, de Álvaro Cunqueiro.
Este libro é o resultado dunha escolma de textos de Cunqueiro, que fan referencia á provincia de Pontevedra e ás súas vilas, tradicións, gastronomía e paisaxes. Un paraíso cultural, turístico, paisaxístico e gastronómico que plasmou, de maneira maxistral, o gran fabulador galego, Álvaro Cunqueiro.
O escritor de Mondoñedo agasallounos a todas e todos coa mellor guía de Pontevedra, unha obra imprescindible en calquera biblioteca, que foi sementando por variadas publicacións, que hoxe están recompiladas de maneira conxunta nesta obra. A través dela, podemos realizar unha viaxe pola provincia, guiados pola pluma do autor de Merlín e familia.
Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) dedicouse desde moi novo á literatura e ao xornalismo. Coa súa mestría estilística, o seu libérrimo uso das convencións literarias e a súa capacidade de integración de diferentes tradicións culturais, Cunqueiro anovou fondamente a literatura galega. Da súa obra escrita en galego destacan títulos coma Merlín e familia, As crónicas do sochantre, Escola de menciñeiros, Don Hamlet e Herba aquí e acolá. Esta última obra foi musicada polo autor Emilio Rúa, en Novelovento.