Acabamos de saber que Xesús Fraga vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa 2021 pola súa obra Virtudes (e misterios). Unha gran noticia e un galardón máis que se suma ao libro gañador do Premio Blanco Amor 2019.

Este premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros. O xurado escolleu esta obra “por amosar cunha prosa moi coidade, no fondo e na forma, a historia de dúas xeracións de mulleres valentes dunha familia en tempos hostís, e adentrarnos nun relato sobre a emigración galega en Inglaterra e América”.

Ademais, o xurado sinala: “Con esta novela contemplamos a inmigración, cos seus claros e escuros, desde as súas dúas beiras, a dos que marchan e a dos que quedan e tamén desde o punto de vista dos que viven a cabalo entre dous mundos”.

Xesús Fraga constrúe, en Virtudes (e misterios) unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.

Xesús Fraga naceu en Londres, pero dende moi neno viviu na Coruña, e logo en Betanzos. Estudou xornalismo en Salamanca e traballa desde hai moitos anos en La Voz de Galicia. Entre as súas obras destacan títulos como O elefante Branco, A-Z, Salimán ou Reo, publicada en Editorial Galaxia. Unha das súas afeccións é o mundo da cociña, sobre a que publicou 50 receitas con amoras e outros froitos silvestres. Como tradutor trouxo para o galego libros como Lolita, de Vladimir Nabokov, ou Arthur & George, de Julian Barnes.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR